Escoitar

Caballero: “Aceptamos e agradecemos todas as doazóns, nunca rexeitamos ningunha”

O Concello de Vigo recibiu unha doazón da empresa Vegalsa-Eroski con roupa para as persoas que están acollidas no pavillón do Berbés. Abel Caballero agradeceu en nome da cidade as achegas de empresas e persoas particulares e asegurou que “nunca rexeitamos ningunha doazón”.

venres, 17 abr 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu este venres todas as achegas que recibe o Concello por parte de empresas privadas e tamén de persoas particulares. O rexedor indicou que en ningún caso rexeitan doazóns e puxo en valor a implicación de todos os vigueses.

“Aceptamos e agradecemos todas as doazóns, mandamos unha furgoneta no caso de que sexa necesario para recoller material, e non rexeitamos ningunha, nunca”, apuntou o rexedor durante a súa comparecencia diaria ante os medios de comunicación a través de videoconferencia.

Así, indicou que nas últimas horas a empresa Vegalsa-Eroski doou roupa deportiva por importe de 7.500 euros para as persoas sen fogar do pavillón do Berbés, albergue municipal e hoteis e hostais onde están acollidos.

Traballadoras sociais de garda

Ademais, o alcalde indicou que durante a fin de semana estarán catro traballadoras sociais de garda, para atender as urxencias e que tanto o 010 e la Policía Local estarán en contacto para atender cuestións “inaprazables”. Tamén se poderá chamar ao teléfono do Centro Social de Atención Continuada: 986 294 280.

Respecto ao reparto de menús, o Concello serviu este venres un total de 595 comidas a domicilio, 8 máis que onte. En total servíronse a domicilio desde o comezo da crise 12.419 comidas.

Respecto ás axudas de emerxencia, a Comisión de Valoración do xoves pola tarde, resolveu 55 novas achegas por importe de 14.093,83 euros, o que eleva o total a 4.000 axudas e 404.278,88 euros.

Denuncia

Por último, Caballero informou de que este xoves a Policía Local procedeu á denuncia dun total de 19 persoas (outras 20 o mércores) polo incumprimento do decreto de alarma. Como exemplos, puxo os de tres persoas paseando pola praia, dúas festas en domicilios e unha persoa ebria na vía pública.