Escoitar

O goberno de Vigo suma dous oficiais e un novo camión de desinfección contra o coronavirus

A Xunta de Goberno Local adxudicou a compra de xel, somieres e albornoces para as persoas acollidas, aluga sete furgonetas para o reparto de comida a domicilio a familias que o precisan, e incorpora dous oficiais desinfectores e un camión de 9.000 litros con dous canóns para limpeza principalmente no rural, explicou Abel Caballero este venres.

venres, 17 abr 2020

En sesión celebrada este xoves, o goberno de Vigo adoptou decisións para ampliar a protección cidadá contra o Covid-19, coa adquisición de novo material para prestación de servizos e desinfección da cidade.

Segundo detallou o alcalde, o Concello suma outros dous oficiais desinfectores ao equipo municipal e faise cun novo camión con dous canóns “potentes” de desinfección con 9.000 litros de capacidade, que operará principalmente nas parroquias viguesas. Caballero avanzou que o goberno vigués está en xestións para incorporar outro vehículo de similares características.

O obxectivo municipal é incrementar os 50 quilómetros de rúas que cada noite se desinfectan, dentro do proceso “masivo” de limpeza que acomete diariamente o Concello de Vigo. Recordou o alcalde que se traballa diariamente no casco urbano e en todas as parroquias, con catorce equipos en quendas de mañá, tarde e noite, e desinfecta tamén cada xornada espazos como o pavillón do Berbés, Cedro, a Policía Local, os parques de Bombeiros, o albergue, Protección Civil, os cemiterios de Pereiró, Teis e Lavadores, e as contornas de todos os centros de saúde e outros espazos sanitarios. No relativo á crise do coronavirus, Abel Caballero manifestou que “neste concello creo que estamos a facer as cousas ben e a desinfección, especialmente ben”.

Ademais, a Xunta de Goberno Local adxudicou contratos de subministro de xel hidroalcólico, dous somieres e cincuenta albornoces para as persoas usuarias dos distintos espazos municipais habilitados para a acollida e confinamento. Por último, o goberno local incorpora outras sete furgonetas de aluguer para o reparto de comida aos domicilios das familias máis vulnerables.