Escoitar

Concello e Universidade propoñen usos integramente educativos e investigadores no Campus do Mar da ETEA

Informou Abel Caballero que ambas institucións alegaron ao proxecto da área de usos complementarios para o Campus do Mar na ETEA, presentado pola Xunta, que contempla unha residencia de maiores. Para construíla, o Concello ofrece a cesión gratuíta de ata tres parcelas en Teis, podendo así adicar a ETEA a usos educativo e investigador.<br />

xoves, 26 dec 2019
O Concello vén de elaborar un informe de alegacións ao proxecto para a área de usos complementarios previsto no plan sectorial do Campus Científico Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA, considerando que dicho solo debe estar reservado ao uso educativo e investigador.

O proxecto presentado pola Xunta de Galicia para ese espazo inclúe a construción dunha residencia de maiores. O alcalde comparte a necesidade de habilitar prazas para a xente maior en Vigo mais non o emprazamento na ETEA, polo que propón ao goberno autonómico a cesión gratuíta dunha parcela municipal en Teis e ofrece tres posibles localizacións: dúas próximas ao mercado de Teis e outra en Pedro Alvarado.

Caballero defende que a proposta municipal é mellor para os futuros usuarios, ao estar en pleno casco urbano de Teis, e ademais de realización máis rápida que a construción na ETEA. En calquera das parcelas próximas ao mercado, sería preciso a aplicación da chamada "Lei Vigo" e a de Pedro Alvarado pode ser executada simplemente coa presentación dun proxecto. Para a construción de residencias de maiores na cidade, Abel Caballero ofreceu á Xunta de Galicia a cesión de tantas parcelas como sexan necesarias.

Segundo indicou o alcalde vigués, as alegacións da Universidade de Vigo van na mesma liña que o goberno local, pois reclaman á Xunta de Galicia establecer como uso principal do ámbito o dotacional educativo e eliminar os terciarios e asistenciais.