Escoitar

A Corporación aproba un orzamento "récord" para o próximo ano de 267,7 millóns

O Pleno deu luz verde ás contas do ano 2020, que incrementan en dez millóns a cifra deste ano ata chegar aos 267,7 millóns. O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, destacou o carácter social, transformador e inversor do orzamento.

luns, 23 dec 2019
s votos do goberno de Vigo ratificaron definitivamente o documento orzamentario do Concello para o próximo ano 2020, coa oposición dos grupos da oposición na Corporación. Segundo explicou Aneiros, será o décimo terceiro consecutivo desde que Abel Caballero ostenta a Alcaldía da cidade.

O concelleiro puxo en valor o carácter social e inversor dun orzamento para unha cidade "igualitaria, equitativa e de referencia en Galicia e España", con débeda cero, previsión de superávit e garantindo a prestación duns servizos públicos "de calidade" en Vigo.

Así, Política Social crece en 1,5 millóns de euros, un 9% máis, ata os 17,7 millóns de euros, con partidas como os 540.000 euros para os Coidadores de Barrio, os case que 2,5 millóns para as axudas contra os desafiuzamentos, 1,8 millóns para axudas de libros e comedor escolar, 273.000 euros (un 14,7% máis que este ano) de apoio a comedores sociais, os 820.000 euros do centro de inclusión social, 329.000 euros para cooperación internacional e con entidades sociais, ou os 6,4 millóns (medio millón máis, un 8,4% de incremento) para Axuda no Fogar.

Educación achégase aos 15 millóns, 900.000 euros máis que este ano. As becas de inglés soben un 5,5% ata superar os 2 millóns de euros, 2,9 millóns destínanse á limpeza dos colexios, 750.000 euros para cubrir patios e os case que 1,5 millóns para as escolas infantís municipais, un 15% máis que este ano e que inclúe o novo centro de Bembrive.

Emprego eleva o seu orzamento por encima dos 6 millóns de euros, un 13,1% máis dos 5,3 millóns do documento en vigor para 2019. Dúas partidas superan o millón de euros: as axudas á creación de emprego e a iniciativa Vigo pola inserción laboral. Por outra banda, o goberno de Vigo reserva 36,7 millóns para Seguridade, aumentando a cantidade deste ano un 6,6%. Neste apartado figuran 880.000 euros para a regulación semafórica intelixente, entre outras partidas.

Deportes presenta un orzamento de 12 millóns de euros. A liña de subvencións a entidades de base sen ánimo de lucro incrementa a súa contía nun 8,8%, ata os 925.000 euros, cando en 2015 a cifra non chegaba ao medio millón de euros. O apoio directo aos clubs de elite suma 464.500 euros. Igualdade eleva o seu orzamento un 1,23% ata os 1,25 millóns de euros, con 241.000 euros para a Casa das Mulleres, entre as principais partidas.

Os orzamentos contemplan grandes partidas e mencionou algunha como as de Seguridade (35 millóns de euros), Urbanismo (34 millóns), Benestar Social (52 millóns), Medio Ambiente e Parques e Xardíns (10 millóns), fomento do Emprego (5 millóns), Educación (14 millóns) e Deporte (16 millóns).

Debate
Os grupos políticos na oposición coincidiron en votar en contra do orzamento presentado para 2020, argumentando que non son unhas contas participativas, que non se aceptaron alegacións, que volven incluír partidas xa contempladas en anos anteriores mais non recollen proxectos anunciados. Tamén censuraron que se presente un orzamento "récord" e sen embargo este non se veña executando nos exercicios anteriores.

O voceiro do grupo socialista argumentou que o orzamento representa aos 300.000 vigueses e recordou que o alcalde mantivo miles de reunións, ao longo do seu mandato, con todo tipo de colectivos e cidadáns, e puxo en valor o carácter solidario do documento (con sete millóns en bonificacións fiscais) e a colaboración institucional do Goberno de España, a Deputación de Pontevedra e a Zona Franca de Vigo.