Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade duplicar as achegas ao Consorcio do Casco Vello

Todos os grupos validaron a modificación do convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo, que permite duplicar as contías para que o Consorcio poida facer fronte ao seu gasto corrente, de 222.000 a 444.000 euros en 2020 e 2021. O Concello volveu reclamar á Xunta outros 5 millóns para investimento en rehabilitación.

luns, 23 dec 2019
A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou que o Concello condicionou o seu apoio ás contas de 2020 do Consorcio á incorporación desta partida adicional, con cargo tanto á Xunta como ao Concello en función da súa participación no ente (90% a Xunta e 10% o Concello).

Duplicar esta cantidade permitirá ao Consorcio do Casco Vello de Vigo facer fronte ao seu gasto corrente, indicou Caride, quen volveu reclamar á Xunta de Galicia unha achega adicional de 5 millóns de euros -que sería complementada con medio millón de euros do Concello- para impulsar a compra e rehabilitación de edificios.

A concelleira de Urbanismo recordou que o ente recibiu entre os anos 2005 e 2009 un total de 30 millóns de euros cos que actualmente segue funcionando, xa que a operativa do Consorcio é a compra, rehabilitación e posterior venda dos inmobles, a prezo taxado. Por tanto, dez anos despois, o Concello ve necesario volver a ampliar os fondos ao efecto.

Todos os grupos políticos con representación municipal valoraron o traballo que vén realizando o Consorcio do Casco Vello na cidade, ao tempo que fixeron fincapé no "insuficiente" da achega aprobada e na necesidade de acelerar o traballo do Consorcio na zona vella.