Escoitar

O BOE publica o convenio entre o Concello e Fomento para recuperar a muralla do Castro

Segundo trasladou Abel Caballero, o Boletín Oficial do Estado recolle na súa edición deste xoves o acordo subscrito o pasado 4 de marzo en Madrid para a recuperación e posta en valor da fortificación. O BOE detalla un investimento conxunto de 835.000 euros para a rehabilitación.

xoves, 4 abr 2019
O convenio foi asinado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o secretario de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, Pedro Saura, o pasado 4 de marzo en Madrid, tal e como recolle o texto publicado no BOE.

O texto asinado e hoxe publicado no Boletín reflicte un orzamento total lixeiramente superior aos 835.000 euros, dos que 626.000 serán asumidos polo Ministerio de Fomento e os 208.000 restantes, polo Concello de Vigo.

As obras, recolle o BOE, presentan tres liñas principais de actuación: a conservación e recuperación dos elementos propios da fortaleza, a reorganización da accesibilidade ao monumento na súa porta norte e a mellora da integración da muralla na paisaxe urbana, no tocante á súa iluminación.