Escoitar

O Concello de Vigo inicia a humanización da rúa Venezuela cun investimento total de 3 millóns

Abel Caballero anunciou este luns que as obras obrigan a cortar un carril da Gran Vía e a desprazar un paso de peóns. Ademais, avanzou que o Concello xa está preparando a instalación das cintas mecánicas do bulevard.

luns, 4 xuñ 2018
1528117860ObraVenezuela_01.JPG
O alcalde de Vigo realizou este luns unha visita de obra á humanización da rúa Venezuela, entre Marqués de Alcedo e Pizarro, e avanzou tamén que de forma inminente comezará a instalación das cintas mecánicas de Gran Vía.

"É unha humanización excepcional, renovando case 1,5 quilómetros de tubaxes de fibrocemento, desde Bicentenario ata Pizarro", sinalou Abel Caballero antes de explicar que foron detectadas importantes deficiencias. "Na inspección ocular da obra detectan que o saneamento está absolutamente destruído, un inmenso burato que podía provocar un afundimento en calquera momento, quedou todo baleirado, o saneamento roto, tubaxes de casas xa no conectaban e estaban vertendo ao chan, un problema importante", dixo.

O Concello, segundo informou o rexedor, substituirá todo o saneamento, cun custe de 859.000 euros. Ademais, hai que sumarlle a humanización da rúa Venezuela, que terá un investimento de 1,5 millón de euros, e o parque infantil, con 766.000 euros, polo que a reforma vaise por riba dos 3 millóns de euros.

"Esta é a forma na que entendemos a cidade, grandes humanizacións, espazos habitables, unha forma de concibir Vigo", sinalou Caballero. Os obras obrigan a partir deste luns a suprimir un carril de subida de Gran Vía.

"Estamos xa preparando a humanización de Gran Vía, coas rampas cubertas de cristal, de forma inmediata avanzaremos con tres tramos", avanzou o alcalde antes de engadir que será "un exemplo en Europa, cunha nova forma de facer cidade, máis vexetación, transporte, mobilidade... algunha xente de boa fe foi enganada, isto vai a ter máis árbores sen risco".
Descargar todas as imaxes