Escoitar

As I Xornadas en Acústica Avanzada para aplicacións industriais traerán a Vigo a grandes expertos de toda Europa

O encontro, apoiado polo Concello, será os días 19 e 20 de xuño na Escola de Telecomunicacións. Analizar as múltiples posibilidades da acústica no ámbito industrial é o obxectivo das I Xornadas en Acústica Avanzada, que se celebrarán os días 19 e 20 de xuño na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.

venres, 1 xuñ 2018
1527857852Acusticas_01.JPG
O alcalde presentou esta mañá o evento e destacou "a importancia que o estudo avanzado da acústica supón na industria do automóbil, naval e aeronáutica".

Pola súa banda o profesor Manuel Sobreira, un dos organizadores do encontro, explicou que estas xornadas pretenden "ser un punto de encontro para os profesionais que formamos na escola e nestes momentos atópanse en primeira liña da alta tecnoloxía acústica nas principais empresas de toda Europa, ademais, por suposto, doutros grandes expertos".

As xornadas abordarán as principais tecnoloxías acústicas de aplicación industrial como a holografía acústica e os sensores vectoriais. "Estes novos sensores son toda unha revolución no sector porque son capaces de localizar de onde procede a fonte que provocou un evento acústico, o cal será moi interesante para a detección de situacións de alerta", apunta Sobreira.

O evento está dirixido a empresas con interese na aplicación de novas tecnoloxías acústicas, enxeñerías que traballan no desenvolvemento de novas aplicacións e estudantes con mentalidade emprendedora. "Son unhas xornadas bastante específicas pero a resposta está a ser moi boa e xa que temos uns 60 inscritos de toda España", conclúe o coordinador.
Descargar todas as imaxes