Escoitar

O Concello contrata a construción do polideportivo de Romil por 2,2 millóns

A goberno vigués, anunciou Caballero, aprobou o expediente de contratación do futuro pavillón de Romil 77, cun importe de 2.191.542 euros e once meses de obras para máis de 2.600 metros cadrados de polideportivo. O alcalde recordou que o Concello promove remodelacións ou novas instalacións deportivas por máis de 12 millóns.

venres, 1 xuñ 2018
A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao expediente de contratación das obras para o novo espazo polideportivo de Romil 77, segundo informou este venres Abel Caballero. O Concello aproba así os pregos de condicións e abre a licitación por importe de 2,2 millóns de euros.

O alcalde explicou que a empresa que resulte adxudicataria da construción terá un prazo máximo de once meses para concluír o novo pavillón, que superará os 2.600 metros cadrados de superficie e poderá ser empregado polo CEIP Doutor Fleming, colexio xunto ao que está o espazo deportivo.

A construción do novo pavillón de Romil forma parte do acordo asinado entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, presidida pola tenente de alcalde viguesa, Carmela Silva, para a mellora de instalacións deportivas. Caballero cifrou en máis de 12 millóns de euros os investimentos que promove o goberno vigués en materia deportiva.

Así, e xunto ao polideportivo de Romil, o Concello dedica 2,9 millóns á renovación das instalacións dos campos de fútbol municipais, máis de 1,1 millóns á remodelación integral dos dous pavillóns baixo a bancada de Río no estadio de Balaídos, 2.985.000 euros para o novo pavillón de Quirós e reserva outros 3 millóns de euros para outro en Matamá.

A este respecto, Abel Caballero lanzou un "último aviso" á Xunta de Galicia para que aplique a chamada "lei Vigo" e faga posible a construción do pavillón de Matamá. O alcalde censurou que o goberno de Núñez Feijóo está a "boicotear" a cualificación do solo, que a ten "metida nun caixón", e recordou o interese público da obra.