Escoitar

O Concello deixa sen efecto o convenio do transporte metropolitano e propón acordos bilaterais aos concellos da área

O alcalde anunciou este mércores que Vigo deixa sen efecto o convenio do transporte metropolitano polo "bloqueo" da Xunta na súa aplicación e proporá acordos bilaterais cos municipios para subvencionar o bus urbano dos que cheguen ou saian da cidade nun transporte interurbano. "Non imos castigar aos cidadáns pola negativa da Xunta a aplicar o transporte metropolitano", concluíu. <br />

mércores, 8 mar 2017
O alcalde expuxo esta mañá que a Xunta de Galicia imposibilita o cumprimento do convenio do transporte metropolitano asinado co Concello; denunciou que, pola contra, propón o "incumprimento" deste e a "obriga" de que Vigo subvencione todas as viaxes de todos os cidadáns no autobús urbano sen que a Xunta de Galicia pague nada.

Así, Caballero informou que queda sen efecto o nomeado convenio pola imposibilidade de aplicalo ante o "bloqueo" da Xunta de Galicia, e anunciou contactos cos alcaldes e alcaldesas que toman parte no goberno da Área Metropolitana de Vigo para establecer acordos bilaterais nos que a cidadanía destes municipios teñan as mesmas vantaxes incluidas no convenio.

O alcalde da cidade, quen xa mantivo conversas con boa parte dos seus homólogos na área viguesa, asegurou que, cos acordos bilaterais propostos, o Concello mantén o seu compromiso de subvencionar o billete do autobús urbano de Vigo dos cidadáns cando entren ou saian de Vigo nun transporte interurbano. "Non imos castigar aos cidadáns pola negativa da Xunta a aplicar o transporte metropolitano", concluíu Abel Caballero.

Área Metropolitana de Vigo
Na mesma rolda de prensa, Abel Caballero avanzou que vai propor ao resto de alcaldes e alcaldesas que participan no goberno da Área Metropolitana de Vigo non volver a reunirse como goberno metropolitano. O rexedor vigués argumenta que a Xunta de Galicia "inviabiliza" o seu funcionamento e a toma de decisións, a través dos recursos xudiciais interpostos contra o novo ente, pola decisión autonómica de non inscribila no Rexistro nin de nomear secretario nin interventor.