Escoitar

O goberno de Vigo prevé un crecemento do 10% no orzamento de 2018

O Concello arranca coa elaboración das contas do ano próximo, segundo informou este martes Abel Caballero, cunha proxección prevista de 243 millóns, polos 221 millóns deste ano. As prioridades serán a política social, educativa e deportiva, os investimentos e manter a estabilidade orzamentaria e a débeda cero, detallou o alcalde.

martes, 7 mar 2017
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe martes que o goberno que preside inicia a elaboración do orzamento municipal de 2018, para "asegurar a estabilidade presupostaria da primeira cidade de Galicia", sendo ademais a primeira urbe española en iniciar a redacción das súas contas para o próximo ano, segundo indicou.

En declaracións aos medios, Caballero trazou as principais liñas para o ano 2018, que pasarán por continuar coa política social, educativa e deportiva, os investimentos e manter a estabilidade orzamentaria e a débeda cero. Explicou ademais que a previsión de transferencias do Estado será similar ao deste ano.

O documento incluirá, expuxo o alcalde, os 10,6 millóns de remanente procedente da liquidación de 2016, o cofinanciamento da Deputación de Pontevedra para a remodelación do estadio de Balaídos e as humanizacións da Estrada Provincial, e o proxecto europeo EDUSI cos proxectos do Vigo Vertical, como son as escaleiras mecánicas de Abeleira Menéndez, a Porta do Sol, as rampas da Gran Vía ou o elevador de Pizarro, entre outras.

O alcalde de Vigo, quen incidiu en que a cifra é unha proxección, avanzou que a previsión do orzamento de 2018 ascende a 243 millóns de euros, un 10% máis que os 221 millóns do presente ano. Caballero valorou que este dato, "unido á débeda cero e superávit, significa un escenario de crecemento moi importante do orzamento con absoluta estabilidade e consolidación de equilibrio orzamentario".