Escoitar

A Casa Galega da Cultura reúne 30 mapas e cartas que retratan as costas galegas dos últimos 300 anos

Abel Caballero inaugurou esta mañá na Casa Galega da Cultura unha exposición de mapas e cartas de Galicia e de Vigo con 33 obras que conforman preto de 80 pezas. Esta mostra permitirá ao visitante realizar un percorrido pola evolución histórica das nosas costas ao longo de 300 anos.

xoves, 27 out 2016
1477575920expo.jpg
A Casa Galega da Cultura acolle desde hoxe a exposición "Mapas e cartas de Vigo e de Galicia", organizada pola Fundación Penzol coa colaboración do Concello. A mostra reúne 33 obras de mapas e cartas de Vigo e de Galicia, representativas do seu fondo cartográfico histórico e que comprende unhas 80 pezas.

Durante a inauguración, o rexedor referiuse aos mapas e cartas como unha mostra das capacidades de invasión e de defensa, de coñecer rutas vitais para o comercio, nos séculos XIII e XIX, engadiu, cando o mundo empeza a ser penetrable con naves descubridoras. O rexedor felicitou aos organizadores dunha exposición que permanecerá aberta ao público ata o 27 de novembro.

Na mostra inclúe mapas antigos como o de Hernando de Ojea, primeira representación que se fai de Galicia de maneira independente, así como tamén dos destacados cartógrafos Tomás López, Vicente Tofiño, Domingo Fontán, entre outros. Tamén conta con mapas seguindo o modelo cartográfico de "Le Neptuno Francois" e levantamentos cartográficos das costas galegas, realizados a principios de século XX polo buque "Urania" da Comisión Hidrográfica con base en Vigo.

Na inauguración participaron, ademais do alcalde, o comisario e profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Méndez Martínez, o vicepresidente primeiro da Fundación Penzol, Antón Vidal e o reitor da Universidade, Salustiano Mato.
Descargar todas as imaxes