Escoitar

O goberno de Vigo atende cada día a 250 familias beneficiarias do programa municipal de axudas

Abel Caballero destaca que Vigo é o Concello de España coa maior dedicación de fondos para evitar desafiuzamentos ao destinar máis de 2 millóns e medio de euros anuais ás axudas a familias para gastos de vivenda, alimentación e subministros.

xoves, 27 out 2016
O Concello continúa este xoves co abono dos 1.890 cheques do Programa de Axudas Extraordinarias a Familias para financiar os gastos de alimentación, enerxía e subministros cun investimento de 1.549.000 euros, aos que se suman 802.000 do fondo de emerxencia, e que permiten evitar o desafiuzamento de 1.600 familias ao contribuír ao pagamento dos seus alugueres ou hipotecas, segundo apuntou o rexedor.

Precisamente sobre este partida dixo que "non ten teito; é aberta", de maneira que vai ser provista de novos fondos para facer fronte ás emerxencias cando sexa necesario ou mentres as familias agardan á conclusión do procedemento de concesión das axudas do programa social municipal. Así, Vigo é, segundo Abel Caballero, o Concello de España "coa maior dedicación de fondos para evitar desafiuzamentos" ao destinar máis de 2 millóns e medio axudar ás familias mentres, contrapuxo, A Coruña dedica "400.000 euros, A Coruña cero e Santiago cero".

Dende onte, o Concello está atendendo unha media de 250 familias diariamente que non teñen que esperar para recibir as axudas, ao teren programadas as citas co servizo de Benestar municipal, unha área que "estamos dotando continuamente de persoal para dar un servizo razoable" e poder atender as necesidades. Con ese fin, realizáronse 18 contratacións.