Escoitar

O Concello organiza actividades infantís para celebrar o Samaín

A Porta do Sol e o Calvario acollerán o próximo luns día 31 pola tarde obradoiros, contacontos e animación na rúa para os nenos e nenas e un serán para toda a familia. Ademais o Museo Liste desenvolve esta semana actividades infantís. <br />

xoves, 27 out 2016
O alcalde convidou este xoves a todas as familias viguesas a celebrar a festa do Samaín na rúa co programa de actividades que ten previsto o Concello para o próximo luns día 31 de outubro.

Na Porta do Sol, dende as 17:00 horas da tarde e ata as 20:00 horas haberá obradoiros infantís de preparación de cabazas, maquillaxe, manualidades e cociña "terrorífica"; dende as 19:30 do serán os máis pequenos da casa poderán gozar da contacontos Ana Carreira e, a partir das 19:30, haberá un pasacalles a cargo de Troula Animación, que comezará o percorrido no Farol de Urzáiz.

O Calvario acollerá o próximo luns, entre as 17:00 horas e as 20:00 horas do serán, obradoiros infantís de elaboración de cabazas, lanternas, sombreiros, pratos e maquillaxe "de terror", amais de contancontos por Ana Carreira e, dende as 20:00 horas, un serán tradicional que recreará a Asociación folclórica e cultural O Fiadeiro e que se prolongará ata as 23:00 horas da noite.

Ademais, o rexedor deu conta tamén das actividades organizadas polo Museo Liste ao longo desta semana nas que participan nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria, nun programa que continúa hoxe xoves e mañá venres, con explicacións sobre a orixe da celebración do Samaín e obradoiros de carácter lúdico no que elaboran disfraces ou maquillaxe "terrorífica", entre outras accións.