Escoitar

Parten a Irlanda os primeiros cen alumnos do programa "Vigo en Inglés" do Concello

O alcalde acudiu este luns ao aeroporto vigués, desde onde partiron os primeiros cen estudantes cunha bolsa de estudos do Concello. O goberno de Vigo sufraga este ano a estadía en Irlanda e Inglaterra a 617 alumnos/as e, segundo anunciou Caballero, o orzamento aumentará en 2017 ata case o millón e medio de euros.

luns, 19 set 2016
1474289430becas.JPG
Caballero valorou o "Vigo en Inglés" como "o programa de máis éxito do Concello", que quere dotar a xeracións de vigueses de coñecementos de inglés, algo de "valor incalculable nunha cidade cada vez máis internacional". O alcalde afirmou que Vigo concede máis bolsas de inglés que toda Catalunya.

Expuxo o rexedor que este luns parten os cen primeiros alumnos a cinco localidades de Irlanda e, nas próximas xornadas, viaxarán os 420 estudantes bolseiros do Concello. Caballero recordou que outros 150 de Bacharelato xa voaron no pasado mes de xuño e o goberno de Vigo concede case medio centenar de axudas a alumnado da Escola Oficial de Idiomas da cidade.

En total, o Concello sufraga as estadías de 617 alumnos e alumnas da cidade este ano 2016. Abel Caballero anunciou que aumentará o orzamento do 2017 para o "Vigo en Inglés" e chegará case ao millón e medio de euros.
Descargar todas as imaxes