Escoitar

O goberno de Vigo urxe unha comisión bilateral Concello-Zona Franca para a Panificadora

Abel Caballero remitiulle un escrito á delegada do Consorcio propoñendo constituir unha comisión para comezar a traballar, "sen perder un día", na recuperación da Panificadora e estudar as fórmulas xurídicas para facelo. O Concello require tamén doutra comisión para afrontar as ampliacións do PTL e do polígono para Citroën.

xoves, 15 set 2016
Despois dos acordos plenarios que respaldaron as mocións propostas polo alcalde de Vigo, informou este xoves Abel Caballero do envío das cartas á delegada do Consorcio de Zona Franca propoñendo crear sendas comisións bilaterais para avanzar na recuperación da Panificadora e nas ampliacións do polígono de Balaídos-Citroën e do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares.

No caso da Panificadora, a comisión serviría para iniciar o procedemento e estudar as distintas fórmulas xurídicas coas que adquirir a propiedade e levar adiante a rehabilitación. "Non queremos perder nin un so día", afirmou Caballero, polo que o Concello xa comunica no escrito os representes municipais na nomeada comisión. Serían a concelleira de Urbanismo, María José Caride, o edil de Facenda, Jaime Aneiros, o xerente de Urbanismo, Carlos Hernández, e a xefa da área de Xestión Patrimonial e Territorial, Marta Riobó.

A comisión bilateral estudaría ademais a fórmula "máis axeitada e de máis rápida tramitación" para o seu desenvolvemento, que pasaría por un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e/ou a través da lei 3/2016 para proxectos urxentes e de excepcional interese público.

Abel Caballero propón que a delegada do Consorcio leve este asunto á comisión executiva da Zona Franca e designe os nomes para iniciar o traballo, porque a recuperación da Panificadora e o traballo desta comisión bilateral "é da maior importancia" e "non se debe perder nin un minuto". O rexedor agarda ter a comisión "nomeada e en funcionamento" a vindeira semana.

O alcalde vigués solicita igualmente constituir unha segunda comisión bilateral Concello-Zona Franca para abordar as ampliacións dos polígonos de Balaídos-Citroën e do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares. Para esta, o goberno de Vigo propón igualmente os representantes municipais, que serían a concelleira e o xerente de Urbanismo, xunto á xefa do Servizo de Planeamento, Belén González.

"Desexo que desde o comité executivo de Zona Franca se comparta o entusiasmo, a urxencia e a necesidade de retomar estas accións de tanta importancia na cidade", concluíu o alcalde de Vigo.