Escoitar

O Concello destina 605.000 euros ao Marco para financiar o seu programa de actividades

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a normativa que regula a transferencia de financiamento ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo que se concreta en tres achegas de 201.666 euros cada unha. Abel Caballero considera "inaceptable" que tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Cultura reducisen as súas axudas ao MARCO, sendo o Concello o que "financia practicamente na súa totalidade" o centro.

luns, 21 mar 2016
O alcalde informou este luns da aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, da normativa reguladora da transferencia de financiamento á Fundación MARCO, que se realizará en tres pagamentos que ascenden a 605.000 euros, que se efectuará en tres entregas de 201.666 euros cada unha "a primeira de forma inmediata", segundo anunciou.

Caballero debullou as achegas que fan as distintas institucións ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo, sinalando que o 82% proceden do goberno municipal, polo que o centro "está practicamente financiado na súa totalidade polo Concello" logo de que a Xunta baixase de 300.000 a 100.000 euros a súa achega e o Ministerio reducira a súa de 150.000 a 35.000, algo que ao alcalde lle parece "en todo modo inaceptable". Considera que a participación en Cultura da Xunta e do Ministerio en Vigo é "practicamente inexistente" e o MARCO "debería ter unha atención" por parte destas dúas institucións "que non financian nada dos museos de Vigo". Ante esta situación "que non aceptamos", o rexedor anunciou que enviará unha carta ao presidente do Goberno en funcións para que resolva a cuestión.