Escoitar

Manel Fernández subliña a chegada dun novo trofeo Cidade de Vigo de calidade, co duatlón de estrada

O domingo 3 de abril, Samil recibe unha nova cita deportiva, a primeira edición do Cidade de Vigo de duatlón de estrada (9:30 horas).

luns, 21 mar 2016
1458569647duatlon.jpg
Coa organización do Club Triatlón Mar de Vigo e o patrocinio do Concello, o circuíto galego desta modalidade desembarca por vez primeira en Vigo, onde dende hai seis anos xa se disputa o circuíto autonómico de duatlón de montaña.

As inmediacións da praia de Samil, "marco incomparable", segundo incidiu o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, congregarán a uns 250-300 deportistas de toda a comunidade autónoma co obxectivo de obter praza para a final galega da competición, é dicir, para o Campionato de Galicia da modalidade, en Lugo o 10 de abril.

O edil felicitou ao club pola organización deste evento, que se incorpora ao grupo de trofeos marca "Cidade de Vigo", e explicou que este campionato "é de sumo interese" para este deporte e para o Concello.

O presidente da Galega de Triatlón, Óscar Surís, sostivo que o Concello de Vigo "é un exemplo a seguir para o resto de concellos da comarca" e sinalou ao club local como exemplo "de boa xestión".

O Cidade de Vigo iniciarase cun duatlón popular (minisprint) ás 9:30 horas para sesenta minutos despois celebrar a proba puntuable, de tres sectores: 5 quilómetros a pé, 20 en bicicleta e 2,5 a pé.

O club vigués, presidido por José Manuel Mosquera, agradeceu toda a axuda prestada polo Concello e amosouse emocionado por organizar por vez primeira esta proba en Vigo.
Descargar todas as imaxes