Escoitar

Abel Caballero salientou a política social, de emprego e a estabilidade política no balance do 2015

O alcalde fixo este mércores un repaso ao 2015 que termina, un "moi bo ano" no ámbito municipal no que salientou as políticas social e de emprego e a estabilidade política da cidade, que permite ao Concello ter xa un orzamento aprobado para 2016 e ter aprobado o inicio dun novo PXOM. Caballero tamén subliñou que Vigo presida a FEMP e tamén a Deputación de Pontevedra.

mércores, 30 dec 2015
O rexedor vigués non definiu como "excelente" o ano 2015 polas consecuencias derivadas da sentenza xudicial contra un acto administrativo da Xunta de Galicia que conlevou a anulación do Plan Xeral de Vigo, mais, grazas á "estabilidade política" da cidade, a tramitación do novo documento urbanístico saíu adiante quince días despois, recordou Caballero.

Esta estabilidade é consecuencia das eleccións municipais de maio, no que o grupo que encabeza Caballero obtivo 17 dos 27 concelleiros/as da Corporación, segundo apuntou. Nesta liña, o alcalde citou os "obxectivos cumpridos" de que Vigo presida a Federación Española de Municipios e Provincias e tamén, a través da primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, presidir a Deputación de Pontevedra. A estabilidade tamén permite que o Concello de Vigo sexa o único dos principais de España co seu orzamento de 2016 xa aprobado.

O primeiro edil tamén salientou as humanizacións realizadas durante o ano, unha transformación da cidade da que singularizou o programa de arte urbano en medianeiras e o proxecto Vigo Vertical -tanto as escaleiras mecánicas da II República como o ascensor de Menéndez Pelayo-, que terán continuidade no ano que comeza. Caballero subliñou a "débeda cero" do Concello de Vigo, a cidade coa menor presión fiscal de Galicia e a segunda entidade pública que antes paga aos provedores.

Abel Caballero fixo especial fincapé na política social. O goberno de Vigo subvenciona as viaxes no transporte urbano con 12 millóns, adica 2 millóns para os cheques sociais, 750.000 euros máis para axudas de emerxencia, tres millóns de euros para o Servizo de Axuda no Fogar, 700.000 euros ao albergue, dous millóns para conceder 5.000 bolsas de libros e comedor escolar, 1,4 millóns para bolsas de inglés, 1,5 millóns para atención a drogodependentes...

No tocante ao emprego, o goberno de Vigo adicou máis de 5 millóns de euros que supuxeron a creación de 3.000 postos de traballo, entre os plans de creación directa de emprego e os investimentos municipais. Caballero tamén salientou os acordos laborais de apoio a Citroën, a Conxemar e a Érguete, este último para os coidadores de barrio.

O alcalde exemplificou na reforma de Balaídos o impulso municipal ao deporte, ademais de algo máis dun millón de euros para entidades de elite e de base, a remodelación e apertura de novas instalacións deportivas e o novo complexo deportivo de Navia. Na promoción turística, Caballero indicou que o 2015 foi o ano do despegue do aeroporto de Vigo, coa chegada de Ryanair a Peinador e os novos destinos que opera Air Nostrum, tanto nacionais como internacionais.

Por último, citou Caballero a promoción realizada este ano das Illas Cíes na precampaña para ser declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, a expropiación dos terreos para a construción da Cidade da Xustiza, a rehabilitación da Casa do Patín e do edificio Bandeira, as medidas para motos e o aparcamento público gratuíto que constrúe o Concello xunto ao novo hospital de Vigo. Sobre a apertura do novo centro hospitalario, o alcalde lamentou que sexa "a maior calamidade que se recorda en Vigo".