Escoitar

O alcalde lamenta que os hospitais de Vigo non estean entre os cinco primeiros de Galicia

Abel Caballero ve con "enorme preocupación" o resultado do estudo realizado por unha entidade independente que selecciona os mellores centros hospitalarios de cada Comunidade Autónoma, no que non aparecen nin o Álvaro Cunqueiro nin o Xeral nin o hospital do Meixoeiro; só Povisa representa á sanidade viguesa.

martes, 29 dec 2015
O Índice de Excelencia Hospitalaria 2015 que determina os mellores centros de atención hospitalaria de toda España, a través de enquisas realizadas aos profesionais sanitarios, non recoñece a calidade nin o servizo prestado polo novo hospital de Vigo nin polo hospital do Meixoeiro, tal e como explicou este martes o alcalde ante os medios de comunicación.

Segundo o estudo, as cinco mellores institucións sanitarias de Galicia son, por esta orde, o Hospital Universitario A Coruña, o Hospital Universitario de Santiago, o Hospital Quirón de A Coruña, o Lucus Augusti de Lugo e POVISA, en Vigo. Unha clasificación que para Abel Caballero representa unha "enorme preocupación porque en Galicia hai tres centros de referencia en A Coruña, Santiago e Vigo, que xa non aparece entre os cinco primeiros pese ao inmenso esforzo dos profesionais da sanidade viguesa, dos que me consta a súa calidade excepcional, pero as instalacións non axudan e vexo isto con profunda alarma". O alcalde que cualificou a situación de "dramática" lamentou que os centros aos que acoden 600.000 persoas de Vigo e da súa área "non ocupen un lugar prioritario en Galicia".

Abel Caballero anunciou tamén que mañá mércores se reúnen a concelleira de Urbanismo e os responsables técnicos do SERGAS para abordar a comunicación entre o aparcamento municipal gratuíto que está construíndo o Concello ao carón do novo Hospital. O Concello xa lle tiña solicitado á Consellería de Sanidade a conexión directa do estacionamento co Álvaro Cunqueiro para poder ofrecer un mellor servizo aos usuarios.

Servizo nocturno de Vitrasa en Fin de Ano
O rexedor anunciou tamén que o autobús urbano que parte cara o centro da cidade ás 22:30 horas da noite dende o Hospital Álvaro Cunqueiro vai cumprir o servizo en Fin de Ano, na noite do 31 de decembro, logo da petición presentada no Concello polo Colexio de Enfermaría solicitando que se mantivera.