Escoitar

Manel Fernández deu o seu apoio á Carreira do Pavo, que o domingo decide o Circuíto Cidade de Vigo de probas populares

O concelleiro de Deportes presentou hoxe mércores o 54 Gran Premio Pedestre de Nadal, a tradicional Carreira do Pavo, acompañado por directivos da delegación local da Federación Galega de Atletismo, Miguel Martínez e Óscar Fernández, e por tres dos atletas que participarán, Laura Resende, Gonzalo Basconcelo e Manuel Martínez.

mércores, 23 dec 2015
1450878819manel.JPG
O concelleiro significou que a proba, este domingo 27 ás 10:30 horas, cando comezarán as categorías de cativos, "celebrarase nunha contorna preciosa e será o broche de ouro ao círcuíto de carreiras populares Cidade de Vigo 2015", liga que por sétimo ano consecutivo patrocina o Concello e que consta de dez probas.

"Imos rematar o calendario atlético con esta carreira e coa San Silvestre e para 2016 invitamos a todos os participantes a seguir en ruta", sostivo o edil. A proba dominical sénior será ás 11:00 horas e con saída na Alameda chegará ata a estación de tren en Areal por un extremo e ao peirao de Trasatlánticos polo outro.

Dende a FGA indicouse que esta é a carreira popular "máis antiga de Galicia", que será un percorrido "sen pendentes" e que a maior novidade será a aposta por unha proba de 5 quilómetros, con saída ao tempo da de 10.000 metros. "A de 5 quilómetros está pensada para quen empeza: queremos que se anime a participar". O prazo de inscrición remata este xoves.

Os responsables en Vigo da FGA sinalaron que teñen contado coa "gran colaboración" do Concello e a Policía Local para deseñar un circuíto atractivo conxugando os intereses dos comercios da cidade (abren o domingo) e anunciaron que "ante o apoio ao deporte do Concello, sumámonos ao novo circuíto de carreiras populares" suscitado pola Concellería de Deportes para 2016 "si o Concello nos acepta".
Descargar todas as imaxes