Escoitar

Caballero salientou o "dinamismo" do deporte vigués na entrega dos premios VIDE 2015 ao fútbol local

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, entregou hoxe martes os premios VIDE 2015, que recoñecen a traxectoria do fútbol vigués. Caballero aplaudiu o traballo das entidades deportivas da cidade e recoñeceu que o fútbol "é unha das principais modalidades elixidas pola mocidade no programa municipal de escolas deportivas".

martes, 29 dec 2015
1451398279vide.JPG
Borja Domínguez e Carol González, vigueses do Racing de Ferrol e El Olivo, respectivamente, foron declarados como mellores xogadores do ano polo comité seleccionador presidido por Manel Fernández. O futbolista cedido polo Celta é titular indiscutible no conxunto departamental, que vai líder en Segunda B, mentres que a dianteira é un seguro de vida goleador para o campión de inverno de 2ª feminina.

Tamén foron premiados David Ferreiro (El Olivo, mellor adestrador), o Independiente FC como mellor entidade deportiva (cumpriu trinta anos de vida en 2015), Manuel Nguema (mellor directivo, un cuarto de século no Rápido de Pereiró) e as traxectorias de Fernando Iglesias (expresidente do colexio local e do galego de árbitros) e Manuel Gómez (Alertanavia).

O xefe do goberno municipal afirmou que "esta é unha forma de poñer de relevo a importancia que lle damos ao deporte de base e, dentro del, ao fútbol de formación". Caballero, que elixiu a sala de xunta de goberno para realizar a entrega, a fin de darlle unha maior solemnidade, asegurou que estes trofeos son "un premio ao esforzo e á organización nesta sociedade civil tan dinámica con que contamos en Vigo".

O rexedor tamén asegurou aos premiados amosarse receptivo ás propostas para construír novos campos de fútbol en Vigo, ao tempo que amosou a súa "perplexidade" por contar cun millón de euros nos Orzamentos 2016 para dotar de herba e substanciais melloras os campos de terra de Carballal e San Roque (Colegio Hogar) "pero non nos dan permiso nin a Mancomunidade de Montes nin Afundación, e unha fundación debería estar velando polo deporte da cidade".
Descargar todas as imaxes