Escoitar

O alcalde salienta a pronta iniciativa municipal na tramitación do novo PXOM

A Xunta de Goberno Local e o Consello da Xerencia de Urbanismo deron o visto bo este xoves á elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de maneira que se inicia un proceso que, para Abel Caballero, será "excepcionalmente breve". O rexedor demandou da Xunta de Galicia solucións para a ampliación de Citroen, para a Cidade da Xustiza e para a ampliación do Parque Tecnolóxico de Valadares.

xoves, 17 dec 2015
1450359959plan.JPG
O alcalde informou hoxe da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local do inicio da tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, unha decisión que mañá venres será ratificada no Pleno do Concello e que implica que "estamos en marcha a velocidade de cruceiro" ao ter elaborado o documento do Plan do ano 2008 polo que "camiñamos xa tres anos e medio, co que a tramitación será excepcionalmente breve".

Abel Caballero valorou a iniciativa do goberno de Vigo á hora de avanzar na elaboración do novo PXOM e criticou o dano "gravísimo" producido á cidade polo goberno galego ao ser a "Xunta a que elabora mal o documento, en opinión do Supremo, e neste momento está o Concello dándolle solución e arranxando un problema causado por esta administración". Por iso, pediulle a Feijóo que diga como vai resolver esta situación xa que percibe que "falta a cooperación da Xunta, que é importantísima e imprescindible".

Ademais, o rexedor vigués demanda do goberno autonómico decisións en tres ámbitos: a tramitación por incidencia supramunicipal da ampliación de Citroen "da que a día de hoxe non temos resposta; parece que a Xunta non ten présa co grave problema causado a unha industria que emprega 7.000 traballadores"; en segundo lugar, unha solución para a Cidade da Xustiza e para a ampliación do Parque Tecnolóxico de Valadares, xa que esa actuación "significaba máis industria, máis economía e anulouse coa actuación da Xunta".

No tocante á estación do AVE, o rexedor vigués responsabilizou do seu atraso á Ministra de Fomento xa que "hai catro anos que tiña que estar iniciada e acabada", engadindo que era coñecedora de que co PXOM de 2008 a estación non podía desenvolverse e que o Ministerio debía comunicar os cambios necesarios para facer modificacións no Plan Xeral municipal que deran cabida ao proxecto. Ademais, sinalou que desde o ano 2011 existe un acordo con ADIF para un convenio que resolva a situación pero "nin se soubo nin se esperou a ADIF nin á ministra" e emprazouna a reunírense canto antes. En canto á Estación Intermodal indicou que "levamos cinco anos esperando que a Xunta dea sinais de vida" pero "agora en campaña electoral éntralles moita présa".

O alcalde de Vigo amosouse confiado na resolución da situación derivada da anulación do PXOM salientando que o Concello é a "única administración que, sen ter culpa, tomou unha decisión; nin Xunta, nin Goberno de España, nin Porto, nin Zona Franca e imos resolvelo todo".
Descargar todas as imaxes