Escoitar

O Concello iniciará este xoves a tramitación dun novo Plan Xeral

O alcalde xa convocou as sesións da Xerencia de Urbanismo e da Xunta de Goberno Local para dar luz verde mañá xoves ao inicio da tramitación dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, baseado esencialmente no de 2008 e que substitúa ao de 1993. Caballero volveu reclamar a supramunicipalidade para proxectos urxentes, como a Cidade da Xustiza.

mércores, 16 dec 2015
Abel Caballero anunciou este mércores que o goberno local xa ten elaborada a proposta que dea inicio á elaboración dun novo PXOM -baseado esencialmente no anterior documento urbanístico- para ser eventualmente ratificado mañá polo Consello da Xerencia municipal de Urbanismo e a Xunta de Goberno Local, e o venres votado polo Pleno da Corporación.

Tras volver recordar que a anulación xudicial do Plan se debeu a un acto administrativo da Xunta de Galicia, o alcalde de Vigo explicou que o acordo proposto polo Concello encomenda a Urbanismo a tramitación e elaboración dun novo PXOM, adaptado á lexislación vixente, en particular en materia ambiental e de solo, que substitúa ao ordenamento en vigor, que data de 1993.

O texto redactado salienta a necesidade "imprescindible e urxente" de superar "as limitacións do PXOM do 93" cun novo Plan que proporcione "calidade de vida, dotacións, sostibilidade e fiabilidade" á veciñanza, "un documento que faga unha actualización, revisión e adaptación os cambios normativos producidos na lexislación, en particular a lexislación do solo e medioambiental".

O obxectivo é contar cunha nova ordenación urbanística que promova "a convivencia harmónica e inclusiva, a calidade de vida, o dereito a unha vivenda digna e o desenvolvemento socioeconómico da cidade con criterios de sostibilidade ambiental e de preservación e posta en valor do noso patrimonio natural e cultural". Caballero confirmou que o novo Plan seguirá tendo vivenda protexida.

O proceso de tramitación terá en consideración singular "o papel da cidadanía, tanto na realización de aportacións na toma de decisións como no libre acceso á información urbanística, en aras da maior transparencia e lexitimidade do proceso de transformación da cidade", segundo argumenta a proposta que eleva o Concello. O novo PXOM tamén estará "adaptado aos investimentos realizados nos últimos anos e ás previsións futuras", para situar a Vigo "como espazo central da Área Metropolitana na prestación de servizos sanitarios, xudiciais, educativos, comerciais e terciarios, industriais e empresariais".

Proxectos urxentes
No tocante ás principais iniciativas pendentes da norma urbanística, o alcalde de Vigo salientou que a declaración de incidencia supramunicipal abrevia os prazos sobre unha modificación puntual do actual planeamento. O Concello, incidíu esta mañá o alcalde, urxe á Xunta de Galicia que tramite pola vía da supramunicipalidade a estación intermodal de Urzáiz, as ampliacións de Citroën e do Parque Tecnolóxico e Loxístico, e a construción da Cidade da Xustiza.

"Ésta é unha cuestión de prazos e velocidades", asegurou Abel Caballero, quen recordou que sobre o PXOM de 2008 se fixeron algunhas modificacións puntuais que se alongaron de media 25 meses. "Cremos que desde a supramunicipalidade se pode reducir (o prazo) de forma moi importante", concluíu o alcalde.

No caso da Cidade da Xustiza, argumentou Caballero, o partido xudicial de Vigo atende tamén aos municipios de Nigrán, Baiona e Gondomar, co que é un proxecto "claramente supramunicipal", como o do hospital Álvaro Cunqueiro, que a Xunta tramitou seguindo este mecanismo.