Escoitar

Vigolandia ofrece dende o sábado 26 no IFEVI unha ampla oferta de lecer para toda a familia

Cayetano Rodríguez, concelleiro de Cultura, e Laura Iglesias, concelleira de festas e turismo, animan ás familias viguesas a gozar das actividades que se desenvolven no IFEVI como un engadido á oferta cultural e de ocio que ofrece a cidade no Nadal. Vigolandia arrinca o sábado 26 e permanecerá aberto ata o 30 de decembro.

martes, 15 dec 2015
1450189565vigolandia.JPG
O 26 de decembro abre as súas portas no Recinto Feiral de Vigo a XIII Edición de Vigolandia, un salón de lecer de máis de 20.000 metros cadrados de superficie que presentaron esta mañá Cayetano Rodríguez, concelleiro de Cultura, Laura Iglesias, concelleira de festas e turismo e Arsenio Prieto, xerente do IFEVI.

Para Cayetano Rodríguez, Vigolandia é unha actividade "fundamental" dentro da programación das festas e do ocio na cidade durante o Nadal "e todo o que rodea este espírito e o modo de vivir estas festas na cidade, máis máxico, lúdico e festivo que fai que saiamos á rúa e que nos poñamos en contacto coa cidadanía e coa propia cidade para admirar o seu progreso". Ademais de sinalar o apoio do Concello á cita, destacou o carácter "socio-benéfico do evento que ten un retorno de responsabilidade social" pola achega directa que fan as familias pagando a entrada de 3 euros e o depósito de produtos de alimentación non perecedoiros e xoguetes para as familias necesitadas.

A concelleira de festas e turismo, Laura Iglesias, sinalou que "dende o Concello queremos apoiar estes eventos que enriquecen a axenda cultural e de ocio da cidade e que complementan as actividades municipais" polo que anima a todas as familias a visitar Vigolandia e a colaborar na medida das súas posibilidades. No IFEVI poderán admirar, por exemplo, os debuxos realizados por preto de 2.000 escolares dos centros educativos vigueses que participan no concurso "Debuxando o Nadal".

A décimo terceira edición de Vigolandia inicia as súas actividades o sábado 26 de decembro entre as 16:00 e as 20:00 horas e permanecerá aberto dende o 27 ata o 30 de decembro dende as 12:00 horas da mañá ata as 20:00 horas do serán. Arsenio Prieto, xerente do Ifevi, destacou o feito de que sexa a "única actividade que organiza o recinto" por si mesmo e que se ten convertido nunha das citas principais, que vai adquirindo importancia ano a ano. Quixo agradecer tamén o apoio do Concello e das persoas, empresas institucións e entidades que colaboran para facer posible Vigolandia.
Descargar todas as imaxes