Escoitar

Caballero urxe á Xunta a aceptar a proposta de Vigo para constituír a Área Metropolitana de forma inmediata

Considera o rexedor vigués que a Área Metropolitana debe "constituírse de forma inmediata" tras coincidiren 14 municipios na idoneidade do modelo proposto polo Concello vigués e móstrase disposto a reunirse con calquera alcalde ou alcaldesa que queira tratar a posta en marcha do ente supramunicipal.

mércores, 16 dec 2015
Abel Caballero instou hoxe á Xunta de Galicia a que "tome a decisión de aceptar a proposta que lle enviamos de texto de Área Metropolitana para que se constitúa de forma inmediata"; unha proposta coa que concordan 14 concellos da área, que representan o 86% da poboación que conformaría o ente supramunicipal.

Ademais, o alcalde puntualizou que as reunións mantidas estes días con diferentes alcaldes e alcaldesas non son "cousa dun partido" senón que, nestes momentos, o modelo de Área Metropolitana defendido por Vigo acadou "o acordo e unanimidade" de gobernos de "seis cores políticas: o PSOE, o BNG, Alternativa por Mondariz, Movemento Salceda e Alternativa Canguesa de Esquedas", polo que di non entender por que se opoñen ao proxecto dende os gobernos populares. Así mesmo, amosouse disposto a recibir "esta mesma tarde" a calquera alcalde que queira abordar co rexedor vigués esta cuestión.

Caballero insistiu na lentitude coa que avanza o proceso de posta en marcha da Área Metropolitana, tendo en conta que Vigo, Moaña, Cangas, Tomiño, Mondariz, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, Gondomar, Nigrán, Porriño, A Guarda, Vilaboa e Fornelos coinciden nas competencias e na asunción voluntaria das mesmas, na forma de gobernanza e na ampliación de 14 a 20 concellos.