Escoitar

Abel Caballero destaca a cooperación do sector pesqueiro a prol da sostibilidade

Vigo acolle dende hoxe o I Foro Internacional de Stakeholders, un encontro no que a FAO celebra o 20 aniversario do Código de Conducta para a Pesca Responsable. No acto de inauguración, no que estivo presente a Ministra de Agricultura e a Conselleira do Mar, o rexedor destacou a importancia de que o evento se desenvolva na cidade que se "reivindica e case supera a si mesma" como capital mundial da pesca.

xoves, 8 out 2015
1444310192fao.JPG
No acto de inauguración do I Foro Internacional de Stakeholders co que a FAO celebra o 20 aniversario do Código de Conducta para a Pesca Responsable, o alcalde de Vigo deulle a benvida á organización e asistentes ao encontro nunha semana importante na que Vigo "se reivindica a si mesma e case se supera" como capital mundial da pesca. Na primeira sesión do encontro, estiveron presentes a Ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, e a Conselleira do Mar, Rosa Quintana.

O rexedor sinalou que "Vigo está orgulloso de acoller este encontro porque a pesca, o mar e o medio ambiente é a substancia deste territorio" e amosou o compromiso e respecto do sector á pesca sostible e á trazabilidade así como o rexeitamento á pesca clandestina que "é o que herdamos dos nosos pais e avós".

Abel Caballero destacou a importancia do Foro como espazo de diálogo no que os países de todo o mundo cooperan para avanzar na pesca sostible e puxo en valor, ante o Auditorio, as Illas Cíes como un "paraíso do medio ambiente", unha zona de máxima protección "que queremos que sexa Patrimonio da Humanidade porque é o noso símbolo".
Descargar todas as imaxes