Escoitar

O alcalde recoñece a calidade literaria dos relatos presentados ao Certame Vigo Histórico

"A vida dun lapis" de Julio Fernández Peláez é o relato gañador da segunda edición do concurso que organiza a Editorial Elvira en colaboración coa Asociación de Comerciantes do Casco Vello da cidade. O xurado tivo que decidir entre 174 textos, escritos en galego e castelán, chegados dende Galicia, diferentes cidades españolas e países de Europa e Latinoamérica.

venres, 2 out 2015
1443790616relatos.JPG
O xurado do II Certame de Relatos Vigo Histórico fixo público hoxe o nome do gañador desta edición. "A vida dun lapis" de Julio Fernández Peláez impúxose ao resto dos relatos presentados, un total de 174 en castelán e galego, chegados das catro provincias galegas, de cidades como Asturias, Madrid, Barcelona, Bilbao, Toledo, Córdoba, Sevilla, Salamanca, Tenerife ou Palma de Mallorca e mesmo de fóra de España con relatos procedentes de Escocia, Arxentina, Cuba, Ecuador, México, Colombia e República Dominicana.

No acto celebrado na Casa Galega da Cultura, Abel Caballero destacou que este certame é un "proxecto cultural de grande envergadura con relatos de calidade literaria excepcional" e mencionou que o número de propostas presentadas dá conta da súa importancia. Ademais o rexedor explicou a importancia de iniciativas como esta que significan "impulsar a cultura e darlle relevancia cultural ao propio Casco Vello, que debe ser un piar do desenvolvemento de Vigo".

O gañador recibirá un premio de 1.000 euros e os accésit 200 euros. Os seus relatos seleccionados vanse publicar no libro Relatos na Rúa que sairá cunha tirada inicial de 1.500 exemplares.

Ademais do rexedor vigués, no acto de presentación participaron a deputada provincial Isaura Abelairas, o editor da Editorial Elvira, Xabier Romero e o representante do xurado Bieito Ledo. Tamén se atopaban na sala, varios membros do xurado e representantes da Asociación de Comerciantes Vigo Histórico.

O xurado desta segunda edición estaba composto por Concepción Varela, Patricia Meira, Noelia Otero, Sonia González, Carlos Oroza, Bieito Ledo, Antón Pulido e Julio Alonso, que tiveron o apaixonante e complicado reto de decidir os gañadores deste concurso.
Descargar todas as imaxes