Escoitar

O alcalde reclama que se resolvan as carencias do novo hospital

Nunha reunión celebrada este venres pola mañá no Concello, un grupo de profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro explicáronlle a Abel Caballero que o centro presenta deficiencias estruturais, fallos de organización e que o espazo para atender as urxencias "xa está esgotado". Por iso, o rexedor decidiu enviarlle unha carta ao presidente Feijóo demandando a resolución de todos os desperfectos que presenta.

venres, 2 out 2015
1443790373enfermeras.JPG
O alcalde vigués mantivo un encontro na mañá deste venres cun grupo de profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro, conformado por médicos, enfermeiras e persoal de urxencias do centro que lle trasladaron a súa preocupación polas condicións nas que se está prestando o servizo aos pacientes.

Segundo explicou Abel Caballero, despois de escoitar o seu relato, "o que está sucedendo no novo hospital é dun nivel de dramatismo tremendo: deficiencias estruturais, fallos de organización, mala atención e algo especialmente preocupante que é que o espazo de urxencias xa está esgotado, xa quedou pequeno, antes de que houbera ningún pico de emerxencias".

Por iso, o alcalde anunciou que lle enviará unha carta ao presidente da Xunta demandándolle que acometa no hospital os cambios e reformas necesarias para solucionar unha situación que definiu de "gravidade" e engadiu que ao seu entender "o servizo de urxencias non pode seguir nun estado de emerxencia e carencia desta envergadura" e que "non imos parar" na solicitude dun hospital que funcione.


Xunta de Goberno Local

O alcalde informou amais dos acordos tomados pola Xunta de Goberno Local na reunión desta mañá na que se aprobou a convocatoria de axudas para realizar obras de reurbanización nas prazas ou espazos privados de uso público de Vigo. Están destinadas ás comunidades de propietarios ou mancomunidades e teñen unha contía total de 65.000 euros.
Descargar todas as imaxes