Escoitar

Manel Fernández anuncia 700 atletas para a Carreira do Pavo, que pecha o Circuíto Cidade de Vigo 2014

A edición número 53 do Gran Premio Pedestre de Nadal, é dicir, a tradicional Carreira do Pavo, disputarase este domingo na Alameda dende as 10:30 horas e porá o colofón non ao ano atlético, que se pecha coa San Silvestre o vindeiro día 28, senón ao Circuíto de Carreiras Populares Cidade de Vigo.

venres, 19 dec 2014
1418996391pavo.JPG
O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe a proba acompañado polo delegado en Vigo da Federación Galega de Atletismo, Miguel Martínez, anunciando que as inscricións para a carreira chegan aos 700 participantes, e destacou que esta carreira "ten dobre premio": o da organización e os 9.200 euros totais a repartir entre os tres primeiros clasificados de cada unha das categorías do circuíto que promove o Concello.

A entrega deses premios en metálico, e outras homenaxes previstas, terá lugar na Gala do Atletismo local, en xaneiro, cando tamén se coñecerá o calendario de probas do Circuíto 2015, que o Concello seguirá patrocinando.

O edil de Deportes tamén anunciou que este ano serán "máis de 15.000 os participantes en probas atléticas, batendo o récord", e felicitouse por que Vigo posúe "a carreira máis antiga do calendario pedestre galego".

Pola súa banda, o responsable federativo local asegurou estar "moi orgulloso de realizar a carreira do Pavo", que recupera o apelido que a fixo mais famosa. Tamén recupera as carreiras de rapaces e rapazas, que no 2013 non houbo. Martínez Larrea afirmou que está "armando o novo equipo da delegación e aos poucos vai emendando erros e mellorando".

O directivo manifestou que a proba está aberta tamén a nenos (dende benxamín a xuvenil), que correrán pola Alameda. A carreira sénior (11:25 horas, saída única, como no 2013) dará dúas voltas a un circuíto máis longo que dende o Ensanche tocará o Casco Vello e irá ata a zona portuaria de Guixar. "Serán un pouco menos de 8 quilómetros".

Víctor Riobó, Elías Domínguez, Sandra Mosquera, Sara Pérez... A competición promete elevado nivel "aínda que buscamos a participación cidadá", di Martínez. Por iso é unha carreira open que patrocina o Concello proporcionando infraestrutura, Policía Local, Protección Civil e trofeos. "Estamos bastante arroupados polo Concello", sostivo o delegado.

Horario das probas.

10:30. Benxamín (2006 e 2007). Circuíto de 715 metros.

10:40. Alevín (2004 e 2005). Circuíto de 1.365 metros.

10:50. Infantil (2002 e 2003). Circuíto de 2.015 metros.

11:05. Cadete (2000 e 2001). Circuíto de 2.570 metros.

11:25. Absoluta. Circuíto de 7.887 metros.
Descargar todas as imaxes