Escoitar

O Concello inicia outra tanda de humanizacións por importe superior aos 2 millóns de euros

O goberno local deu luz verde á adxudicación das obras de humanización de Rosalía de Castro, Castrelos, Ramón Nieto e rúa Saa-Beade. Así o avanzou hoxe xoves o rexedor nunha rolda de prensa na que tamén anunciou a reparación das pistas deportivas de Mestre Prudencio Rodríguez Dios, Hispanidad e Valadares.

xoves, 18 dec 2014
Caballero deu conta esta mañá da adxudicación dunha nova tanda de humanizacións na cidade, que arrancarán en xaneiro, por importe superior aos dous millóns de euros. Concretamente referiuse ás obras de Ramón Nieto (fronte ao Mercado de Cabral); á baixada a Ríos e Doutor Corbal; ás obras de execución de beirarrúas en Saa-Beade; ás da avenida de Castrelos (entre avenida Portanet e Clara Campoamor); e, por último, ás obras da primera fase de Rosalía de Castro (entre República Arxentina e Canceleiro).

A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde ao plan de seguridade das obras de mellora e renovación dos equipamentos das pistas deportivas de Mestre Prudencio Rodríguez Dios, Hispanidad e Valadares. Cun orzamento de 60.000 euros vanse acometer repintados de pistas e gradas, peches perimetrais e renovación do mobiliario, como porterías ou canchas.

Emprego
En rolda de prensa, o rexedor tamén deu conta da aprobación das bases de selección de candidatos a beneficiarios do programa Vigo emprega. Segundo explicou, contrataránse unhas 140 persoas durante 6 meses, dentro dun programa dotado de 1,5 millóns de euros. As categorías son capataz, auxiliar e peón, das ramas de construción, xardinería e forestal. As bases contemplan cupos para facilitar a participación de todos os colectivos de desempregados: 3% discapacitados, 30% menores de 30 anos, 30% mulleres, 19% mairoes de 45, 18% parados de longa duración, persoas que non perciban nin renta nin subsidio algún. Tal e como explicou o rexedor, o Vigo emprega é un dos programas sufragados cos 5,4 millóns que o goberno local adica a fomento do emprego.