Escoitar

Caballero propón en Madrid que a execución do superávit de 2013 non compute como déficit

O alcalde de Vigo e vicepresidente da FEMP participa este xoves na reunión da Comisión Nacional de Administración Local, presidida polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro. Entre outras cuestións, os municipios plantean que os investimentos a cargo do superávit de 2013 non computen como déficit este ano ou poidan ser executados ao longo de 2014 e 2015.

xoves, 8 mai 2014
O alcalde de Vigo e vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Abel Caballero, participa esta tarde en Madrid na reunión da Comisión Nacional de Administración Local, coa presencia do Goberno de España e presidida polo titular de Facenda, Cristóbal Montoro.

En rolda de prensa, Caballero avanzou que os municipios suxerirán ao executivo central que os cartos procedentes do superávit de 2013 poidan ser investidos sen computar como déficit ou, de así ser, que se permita executalos ao longo do presente e do próximo ano. O alcalde recordou que a administración local é a única que presenta superávit.

Na orde do día da CNAL tamén figura a toma de coñecemento da débeda viva a 31 de decembro de 2013 de cada municipio, informe no que "unha vez máis aparecerá Vigo ocupando un lugar excepcionalmente importante", salientou Caballero, xa que a cidade, cun 17%, ten a menor débeda de España das urbes en réxime común. A reunión tamén abordará o periodo medio de pago a proveedores das administracións públicas. O rexedor vigués afirmou que a cidade ten un prazo de abono das facturas "infinitamente por debaixo" da media estatal, cumprindo polo tanto os requerimentos legais.

Por último, Caballero avanzou o seu "desacordo" coa normativa estatal que deixa "cercenadas" as competencias dos municipios menores de 20.000 habitantes en favor das deputacións provinciais. A Comisión abordará esta tarde no Ministerio os criterios de cálculo do coste efectivo dos servizos prestados polas entidades locais.