Escoitar

Declaración Institucional do Concello para que Vigo acolla a World Fishing Exhibition en 2016

O Pleno da Corporación celebrado hoxe luns incluíu unha declaración institucional do Concello de Vigo instando á realización das xestións precisas ao obxecto de que a cidade sexa a sede da World Fishing Exhibition do ano 2016.

luns, 27 xan 2014
"A edición do 2015 da Feira Mundial da Pesca, World Fishing Exhibition, que cada seis anos se celebra na cidade de Vigo, cancelouse. Así o anunciou o pasado decembro o Comité Executivo responsábel da organización deste evento internacional desde hai 40 anos. A nova data do evento adiaríase ao ano 2016 pero en sedes distintas, sopésanse países situados en Asia.

As razóns esgrimidas para anular esta importante cita pesqueira, segundo trascendeu, débense fundamentalmente a problemas organizativos pero tamén de índole económica.

Esta Feira Mundial de Pesca ten unha grande importancia, chegou a congresgar máis de corenta máximos responsábeis ministeriais da Pesca a nivel mundial, o que se deu en denominar a conferencia internacional de Ministros de Pesca. Acudiron responsables da FAO, e outros moitos expertos en materia pesqueira, así como empresas do sector. É un punto de referencia mundial para todos os axentes implicados na industria da pesca e de grande interese para o sector naval.

Sen ir máis lonxe, na última Feira celebrada en Vigo no ano 2009 contouse coa presenza de 800 empresas pertencentes a 51 países e contou coa presenza de máis de 70.000 visitantes.

Trátase dun evento que leva cinco décadas de traxectoria. A World Fishing Exhibition naceu un Londres, esa foi a súa sede ata que en 1973 se trasladou a Vigo. A partires de 1985 sempre se reuniu en Galiza, na cidade viguesa.

Perante esta nova, representantes do sector empresarial galego pediron un último esforzo para que non se dea por perdida a World Fishing Exhibition en Vigo en 2016. Hai que ter en conta o que este evento representa para a economía de Galiza onde o sectgor mar-industria ten un peso relevante. Non menos importante é a incidencia que ten no sector comercial e hostaleiro, ademais da importante proxección internacional que posúe. Cuestións todas que é preciso ter en conta, sobre todo cando se conta coas cifras de paro máis altas da UE.

Aínda que é unha Feira organizada desde a iniciativa privada, sempre contou coa colaboración das administracións públicas, neste caso o Goberno central e a Xunta. De feito, na última edición de 2009, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente encargouse de sufragar a denominada conferencia internacional de ministros de pesca, achegando máis de 800.000 euros.

Por todo o exposto, o pleno do Concello de Vigo insta ao Goberno do Estado a:

Levar a cabo as xestións e actuacións precisas, conxuntamente coas outras administracións implicadas -Xunta de Galiza e Concello de Vigo- para lograr os acordos cos sectores económicos de Galiza, de maneira especial co Comité Executivo organizador da World Fishing Exhibition, para garantir que este evento se poda realizar no ano 2016 na cidade de Vigo."