Escoitar

O alcalde presenta a "mellora máis importante no transporte público na historia desta cidade"

Abel Caballero -xunto a Carmela Silva, David Regades e representantes de VITRASA- presentou este venres a remodelación da rede de transporte urbano coa que o goberno de Vigo incorpora novas liñas, novas conexións co campus e a estación de tren, mellora as existentes, potencia o servizo en domingos e festivos, gaña en fiabilidade e suma un servizo experimental a demanda. O alcalde datou para a segunda quincena de febreiro a aplicación da reforma.

venres, 24 xan 2014
1390568815Vitrasa.JPG
O alcalde vigués explicou que a reestructuración do autobús urbano foi elaborada despois de meses de traballo seguindo a demanda cidadá, plasmada nunha enquisa a máis de 30.000 usuarios, e adiantou que estará en vigor na última metade do próximo mes de febreiro, previa campaña de información. "Creo que imos entrar nunha etapa dunha mellora moi importante no transporte urbano da cidade con custe adicional cero para os cidadáns de Vigo", apuntou Caballero, quen recordou que o prezo das tarxetas verdes leva conxelado tres anos consecutivos.

Coa reforma presentada hoxe, o Concello e VITRASA crean novos eixos de comunicación: Praza de España – Gran Vía – Urzáiz con García Barbón e a Estación de Ferrocarrís en ambos sentidos coas liñas L8, L24 e L6; Navia – Bouzas - Tomás A. Alonso directamente coa estación de autobuses e o Hospital Meixoeiro; Candeán - Avda. Aeroporto co Hospital Xeral, Praza de España, Camelias e Castrelos; e Freixo co Centro.

Abel Caballero subliñou a mellora do servizo nas fins de semana e festivos, en Navia, nas parroquias, na Universidade de Vigo, nas estacións de autobús e tren, na eliminación de transbordos, no incremento das frecuencias medias e na creación dun novo servizo experimental a demanda.

Aténdese unha petición histórica dos usuarios ao ampliar o servizo en fin de semana, mellorando horarios e frecuencias. Tamén se crean novos os domingos e festivos, coa L6 e L4C que une Coia coa estación de tren e coa estación de autobuses. Ao igual que a Circular C2 que da servizo ás estacións de autobuses e ferrocarrís.

En Navia se establece un servizo -moi demandado- que une a rúa Teixugueiras (L13) con Bouzas e os dous hospitais, o Xeral (paso por Praza de España) e o Hospital Meixoeiro, un servizo ininterrompido todo o día que tamén será unha conexión directa coa Estación de Autobuses.

A reforma mellora en 15 minutos as frecuencias da liña que une Coruxo (San Lorenzo) có Meixoeiro. Na parroquia de Zamáns haberá 6 novas expedicións en sábado e 4 novas en domingo. En Saiáns redúcese o tempo de espera de 60 a 30 minutos ademais de dispor duns novos servizos ao centro os sábados e domingos coa L10 e a L11.

Caballero explicou o novo servizo a demanda, por exemplo, e con carácter experimental, á residencia asistida do Meixoeiro e o Cemiterio de Valladares, previa chamada dos usuarios a un teléfono gratuito.

A Universidade de Vigo contará con novas conexións directas coa estación de ferrocarril, con Gran Vía e García Barbón e a redución de 15 minutos no tempo de percorrido coa liña 8 (Campus – Pza. América – Centro). Ademais, mellórase a frecuencia entre vehículos desde o Campus ao centro (Praza América e Praza de España).

Tamén se incrementan as frecuencias medias entre liñas nas zonas Centro, Travesas, Coia, Balaídos, Teis, Calvario, Estación marítima e Travesía de Vigo. O alcalde citou como exemplos a Praza de América (onde circulan 17 liñas, é dicir, un autobús cada 1,7 minutos), a estación Renfe-Guixar (que terá 4 liñas e pasará un autobús cada 9 minutos, cando ata agora había unha liña pasando cada 20 minutos) e a estación de autobuses (cuberta por 7 liñas, pasando un cada 5 minutos en lugar dos 10 actuais, e sen interrupción a mediodía).
O Concello e VITRASA eliminan ademais transbordos entre Navia, Bouzas e Tomás A. Alonso con Gran Vía – Praza de España – Hospital do Meixoeiro. Tamén entre Matamá e o Freixo con Policarpo Sanz – Sanjurjo Badía – A Guía.


Ligazón ao vídeo de presentación
Descargar todas as imaxes