Escoitar

Inauguración exposición "Gonzalo Viana. Mito, fábula e distopía"

O venres 13 de decembro, ás 20:00 h, inaugúrase na planta primeira da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a exposición "Gonzalo Viana. Mito, fábula e distopía".

xoves, 12 dec 2013
1386853471gonzaloviana.jpg
Gonzalo Viana foi artista e persoa singular como poucos. A súa vida, os seus trazos persoais e, en total correspondencia, a súa obra, están callados de contrastes ben avidos. A ambivalencia é unha característica que define a súa idiosincrasia e, por ende, a súa traxectoria vital, que vai estampando as súas pegadas na creativa. Amaba e vivía con intensidade mundos diametralmente diferentes, conciliando con naturalidade impulsos vitais aparentemente tan dispares como a paixón temperán pola mar, pola navegación, pola natureza que conserva os trazos primixenios; a atracción polas xentes que a habitan... E, ao tempo, o seu talante de afervoado urbanita (nado en Bilbao, como a el lle gustaba subliñar) que o ligou fortemente a diversas cidades de Galiza: A Coruña, cidade da súa nenez e adolescencia e espazo xeográfico onde se sitúa un dos numerosos datos curiosos da súa biografía, o de ter sido un dos primeiros mozos galegos en practicar o "surf" nas nosas costas, alá polo ano 1969, mentres cursaba estudos na Escola de Náutica da cidade; a pétrea e cosmopolita Compostela na que estreitou lazos con outros xoves interesados nos diversos ámbitos da cultura, e o Vigo dinámico e efervescente que foi escenario da súa madureza artística.

Esa súa maneira de entender a vida e de estar no mundo, sempre dirixida por un acusado sentido de liberdade -para el irrenunciable-, tivo seguramente moito que ver na elaboración dunha súa particular cosmogonía e na creación dunha mitoloxía propia, poboada de seres atávicos, tanto animais como humanos, pero tamén de criaturas fantásticas que parecen saídas dun relato de ciencia ficción.

A súa obra, heteroxénea canto ás modalidades nas que se diversifica, acusa notables diferenzas entre as pezas de volume (escultura e pequenas pezas de carácter artesanal) e as de dúas dimensións (pintura, cómic, debuxo satírico, ilustración, cartaces, debuxo para folletos divulgativos e de publicidade…).

A escultura, tanto a modelada en barro como a labrada en pedra ou madeira, caracterízase pola sinxeleza formal e por un certo arcaísmo na factura que, xunto ao sui generis da iconografía, lévanos a evocar algo semellante ao imaxinario cultural dunha sociedade tribal. Esta é, diríamos, a obra que reflicte o aspecto máis íntimo da cosmovisión vianiana, o seu universo mítico, sen ofrecer pista ningunha sobre as inquietudes do artista polo social.

Pola contra, na obra de dúas dimensións, nomeadamente na pintura e debuxo para banda deseñada, o autor representa a vertixe da vida urbana e dos espazos que a cultura tecnolóxica parece non ter proxectado pensando nas persoas, senón en facilitar o goberno dos aparellos sobre a sociedade.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 19 de xaneiro.
Descargar todas as imaxes

Máis información