Escoitar
Están á venda as entradas na taquilla do cine Fraga

O espectáculo “Un cante e dúas guitarras. Desde a pureza”, no Are-More

venres, 8 nov 2002
imx1956.jpg
José Menese
José Menese, Enrique de Melchor e Antonio Carrión ofrecerán a súa arte “jonda” o sábado 9 de novembro no Cine Fraga-Caixa Galicia desde o sentimento e a paixón cos que se expresa o pobo andaluz. Este espectáculo inclúese no festival Are-More organizado pola Concellería de Cultura.

Pronto se cumprirán corenta anos desde que José Menese emprendeu unha carreira apegada ás formas do cante “jondo” herdada e que foi ampliando en novas fontes, fuxindo de novidades. O estremecedor metal daquel Menese callou na afección. A súa mensaxe, plasmada en coplas por Francisco Moreno Galván, retumbou en moitas conciencias e atraeu a unha lexión de estudiantes universitarios que asisten aos seus recitais.

José Menese continúa a tomarlle o pulso ao cante “jondo” en cada unha das comparecencias e en multitude de vertentes estilísticas. Nesa exemplar maneira anuncia agora “Un cante e dúas guitarras”. Á súa beira, e tamén en solitario, está a guitarra imperial, lustrosamente sonora, de Enrique de Melchor, que é sabio por ser fillo de Melchor de Marchena e pola súa calidade persoal e intransferible. Tamén aparece Antonio Carrión que, como os seus compañeiros, vive e soña coa arte “jonda” e pon o seu selo de clasicismo nesta cerimonia da grandeza flamenca andaluza.

José Menese está considerado como un dos cantaores máis importantes dos últimos anos, sendo numerosos os premios e distincións que lle foron outorgados na súa vida profesional. Destacan a placa de prata de Mairena de Alcor (1967), cátedra de flamencoloxía de Jerez de la Frontera (1965 e 1974), Taranto de ouro de Almería (1971), Saeta de ouro de Sevilla (1969), Premio Ondas da cadea Ser, Popular do Diario del Pueblo de Madrid(1968), Famoso de Sevilla e Sevillano do ano (1973), entre outros.

Menese é un dos máis grandes cantaores non xitanos, cunha enorme e auténtica afección polo flamenco, unha voz chea, rotunda e cargada de ecos “jondos” e un oficio cada día máis puído e sensible. Foxe da vulgaridade e o preciosismo decadente para buscar, valente, a pureza do cante “jondo”. Falador e tráxico, o seu cante é un puro “quejío” e o seu repertorio é probablemente un dos máis longos da historia do flamenco, xa que non se limita aos cantes de compás e ten sempre en conta os cantes libres. Foi obxecto de eloxio por parte de intelectuais, escritores, poetas e flamencólogos como Rafael Alberti, Fernando Quiñones, Blas de Otero, Ramón Chao, Félix Grande ou Antonio Gala.

A voz de Menese é solemne, ten seiva, soa antiga, lendaria, érguese con forza e con presencia á vez que soa baixa, rumorosa e elegante, lexítima nos momentos precisos de cada tercio. Vanlle a Menese os cantes libres, as tonás e os vellos cantes siguiriyeros, pero non se cifra soamente en estilos a súa arte cantaora: tamén nas soleares, nos tangos e tientos é un gran artífice, sen esquecer o seu bo facer polas malagueñas e granaínas, por tarantos e serranas como un cantaor longo aínda que se lle resistan os estilos máis rítmicos festeiros e sempre á medida dun indiscutible profesional.

ENTRADAS

PROGRAMA e INTÉRPRETES
Descargar todas as imaxes