Escoitar

Aprobado o proxecto de construcción do novo Centro Sociocultural de Valadares

xoves, 7 nov 2002
O Concello aprobou o proxecto de construcción dun novo centro sociocultural para a parroquia de Valadares. Este equipamento ubicarase no lugar coñecido como O Pedregal, a carón mesmo do polideportivo. Coa construcción deste centro paliarase a carencia de espacios que teñen as diversas agrupacións de Valadares para desenvolver as súas actividades sociais e culturais.

O novo edificio erguerase na fachada oeste do polideportivo. O acceso ás dúas instalacións será común. O Centro terá unha superficie de 2.000 m2 que se distribuirán en dous andares. O primeiro albergará un vestíbulo, un clube xuvenil, un auditorio con 280 prazas dotado con cabinas de proxección e de traducción, vestiarios e unha cafetería-restaurante. No segundo andar estarán os despachos, as aulas de formación, a ludoteca, a biblioteca. Desta forma concéntranse no baixo as áreas de lecer e no primeiro andar as zonas de estudio e traballo.

A porta principal do edificio disporá dunha gran marquesiña que voará sobre o acceso cubrindo a entrada ao vestíbulo. A nova construcción disporase de tal maneira que permita que se continúen engadindo instalacións no futuro, como por exemplo unha piscina. O presuposto de execución estímase en 1,5 millóns de euros.

Os terreos onde se construirá o Centro socio-cultural foron adquiridos polo Concello e a Comunidade de Montes de Valadares. O Concello encargouse da elaboración do proxecto e agora enviarallo á Consellería de Política Territorial, que adquiriu o compromiso de licitar a obra.

Paralelamente, o Concello vai crear na mesma zona un parque público de 5.000 m2 cunha área de xogos. O investimento aprobado para esta actuación é de 48.000 euros.