Escoitar

O Concello de Vigo integrarase na Asociación de Axencias de Xestión da Enerxía

mércores, 6 nov 2002
imx1949.jpg
Novo alumeado
O concelleiro de Servicios Electromecánicos, Henrique Vieitez, participará o xoves 7 de novembro en Madrid no acto de creación da Asociación de Axencias de Xestión da Enerxía na que se poderá integrar a Axencia de Enerxía impulsada polo Concello de Vigo. Este colectivo nace co fin de promover o uso racional da enerxía, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables para mellorar o medio ambiente e contribuír ao desenvolvemento sostible. Fomentará tamén a coordinación de recursos e a canalización de sistemas de axudas destinados á cidadanía.

Vieitez destacou que esta asociación ”pretende fortalecer o papel das axencias de enerxía a calquera nivel e de maneira especial na Unión Europea e elaborar propostas conxuntas de actuación para aplicar nos respectivos ámbitos competenciais”. Neste apartado, poderase realizar un estudio cos datos de demanda enerxética nos cambios horarios, que demostran que resultan desfavorecedores no oeste europeo. O Instituto Enerxético de Galicia e a Rede Eléctrica de España constataron que o cambio horario non xenera aforro de enerxía, a consecuencia do diferencial solar duns puntos a outros de Europa.

A reunión de constitución celebrarase no salón Colón do Recinto Feiral Juan Carlos I de Madrid. O secretario xeral do IDAE, Javier Rodríguez Mañas, moderará unha mesa redonda para a discusión dos borradores de estatutos, do plan de actuación e do plan de financiamento. Tralo establecemento do calendario de actuacións e da elaboración das conclusións, presentarase a feira ”Genera”.

A Unión Europea tomou diversas iniciativas coa finalidade de mellorar a eficiencia enerxética, protexer o medio ambiente e contrarrestar os efectos do consumo de enerxía sobre o cambio climático. No Libro Branco sobre enerxías renovables de 1997 fixouse como obxectivo lograr que as enerxías renovables pasen do 6% ao 12% do consumo de enerxía primaria antes de 2010.

A Comisión Europea no seu Libro Verde ”Cara unha estratexia europea de abastecemento enerxético” de 2000 expuxo que a UE se fará cada vez máis dependente das fontes exteriores de subministro. Segundo as previsións actuais, a dependencia das importacións alcanzará un 70% en 2030 fronte ao 50% actual, no caso de que non se tomen medidas. No Libro Verde indícase tamén que a intervención da UE podería incidir fundamentalmente na demanda, fomentando o aforro enerxético nos edificios e no sector do transporte.

Axencia local da enerxía

Os obxectivos propostos para a axencia son mellorar o uso racional da enerxía, limitando o seu despilfarro: formar os usuarios sobre o uso racional da enerxía: difundir as ventaxes na implantación de instalacións de enerxía renovable, especialmente eólica e solar: levar a cabo actividades e campañas na implantación e difusión de boas prácticas de aforro enerxético: limitar as emisións de CO2 e protexer o medio ambiente mediante o uso racional da enerxía.

O ámbito de actuación da axencia será a cidade de Vigo e os municipios da súa área de influencia, especialmente aqueles que, pola súa carencia de medios persoais ou materiais, non poden acometer por si mesmos as actuacións propias da axencia.

Os ámbitos nos que actuará serán as vivendas, servicios do sector público e privado, pequenas e medianas empresas, desenvolvemento local ou provincial e a súa planificación, xestión do transporte, infraestructuras da administración local ou provincial, e aprovisionamento de enerxía, incluíndo o desenvolvemento de sistemas rexionais de enerxía que utilicen recursos renovables e locais.
Descargar todas as imaxes