Escoitar

Castrillo afirma que a cidade de Vigo ten vontade de manter unha convivencia pacífica e rexeitar todo tipo de violencia

martes, 5 nov 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, declarouse consternado polos sucesos que provocaron a morte de dúas persoas no veciño concello de Redondela e feridas de diversa consideración a un pai e o seu fillo en Vigo. ”É moi pronto para facer unha análise do sucedido pero a sociedade viguesa está conmocionada por uns sucesos terribles nunha cidade que ten rexeitado a violencia de calquera tipo”, destacou o alcalde.

A explosión na que resultaron feridos Luis Ferreira e o seu fillo de 12 anos produciuse cando o menor manipulaba un paquete que encontrou no exterior da súa vivenda, en Cernadas, na parroquia de Cabral. O outro dos incidentes foi en Millarada, Redondela, onde se produciu unha explosión que provocou a morte do matrimonio formado por Vicente Lemos e Rosa Gil.

Lois Castrillo desprazouse ao hospital onde están ingresadas as dúas persoas feridas para interesarse polo seu estado. Os médicos informáronlle de que o rapaz, que sufriu lesións de gravidade, estaba sendo intervido ciruxicamente, pero que a súa vida non corría perigo.

O alcalde está en contacto permanente coas autoridades policiais para ser informado sobre os pormenores deste caso. ”A sociedade viguesa anceia vivir en paz e agardo que os responsables sexan detidos e paguen por estes actos”, afirmou Castrillo. O alcalde recibiu durante a mañá diversas chamadas expresándolle testemuños de solidariedade e condolencia. Unha delas foi do alcalde accidental da Coruña, Javier Losada.