Escoitar

Benestar Social promove un programa de apoio á infancia en colaboración con Abertal

martes, 5 nov 2002
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, asinou un convenio de colaboración coa Asociación Xuvenil Abertal para desenvolver actividades de apoio a rapaces e rapazas en situación desfavorecida. O Concello financiará con 18.000 euros un programa que ten como obxectivo promover a integración social destes meniños a través de actividades lúdicas que complementen a súa formación.

Os destinatarios do programa serán nenos e nenas de idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos seleccionados polos servicios sociais do Concello. A idea é promover a integración destes rapaces incorporándoos a actividades de tempo libre que organiza a asociación Abertal, e aos campamentos de infancia que se desenvolven no verán e nos periodos vacacionais. Os nenos e nenas que o precisen tamén poderán asistir a actividades de apoio educativo para mellorar o seu rendemento escolar e fomentar as súas habilidades sociais.

O goberno vigués considera que con este tipo de accións se contribúe a que rapaces con dificultades de integración polo contexto familiar e social no que se moven se relacionen con outros nenos, adquiran hábitos saudables, se formen en valores positivos, e amosen máis interese polos estudios.

Convenio de colaboración entre o Concello de Vigo e a Asociación Xuvenil Abertal para un proxecto de integración de rapaces e rapazas en actividades de lecer

Esta Concellería de Benestar Social leva a traballar dende hai tempo en programas de prevención de conductas de risco e inadaptación social, con diferentes colectivos e particularmente, polo interés que ten neste momento diante das problemáticas sociais que representan, cos máis novos.

Téñense desenvolvido estudios sobre problemática escolar, os posibles grupos de risco e o deseño de intervencións destiñadas a nenos/as que tiveran amosado conductas de tipo asocial, con problemáticas escolares, (absentismo,...), ou problemas aparellados de baixo rendemento escolar e problemas familiares.

Pénsase que a detección de nenos con problemas, dentro do marco da institución escolar, é básico cara a por en práctica sistemas de evitación da inadaptación e a exclusión social, artellando a incorporación dos menores con procesos de socialización deficitarios á estructura social. Aborda-las situacións de dificultade na infancia é previ-lo seu agravamento no futuro.

Ademais das intervencións que se fan no ámbito escolar (lugar apropiado para a prevención en xeral), e o traballo preventivo e de intervención que se fai no entorno familiar (con tódalas familias, pero particularmente coas que padecen algún tipo de desestructuración), en particular, pensouse en artellar medidas de intervención que contribuíran a facer que o lecer dos máis novos fora máis enriquecedor no aspecto educativo e persoal.

Así, nesta Concellería de Benestar Social, e dende hai varios anos, estase a colaborar con diversas entidades que traballan a prol da prevención e incorporación social dos grupos desfavorecidos, desenvolvéndose accións nos eidos familiar, da inserción social e laboral… Mesmo de atención ós mais novos, coma o programa xenérico de intervención que se desenvolve coa Fundación Aldaba, e para o que se ten xa conveniado.

Entendendo que é necesario tamén artellar medidas de apoio de carácter preventivo, que complementen as que xa se están a desenvolver, xa no ano 2001, fora contactado coa Asociación Xuvenil Abertal, entidade xa coñecida por esta Concellería, que desenvolve un labor dirixido ós máis novos, dende unha perspectiva de educación en valores solidarios, de atención ós que teñen algunha carencia de tipo sociofamiliar e con persoal formado no ámbito da intervención social, cara á posta en marcha de accións complementarias no ámbito do traballo con nenos.

Dádalas características do grupo de intervención do programa xenérico de atención á infancia, estimouse apropiado convenia-las accións de complemento de carácter lúdico do programa de intervención con menores coa citada asociación xuvenil, particularmente atendendo á experiencia desenvolvida con aquela e a alta valoración positiva do traballo desenvolvido por Abertal a traverso do primeiro convenio.

Estimándose que a asociación xuvenil Abertal conta con persoal formado no ámbito da intervención social apropiado para desenvolver conxuntamente con esta concellería un proxecto que sirva de complemento de carácter lúdico do programa de intervención con menores, máis ambicioso do que xa fora desenvolvido con anterioridade, é a razón pola que novamente se convenia entrambas.

O presuposto do programa, ten un custo de 18.000 (dezaoito mil ) euros, cantidade que englobaría tódolos gastos correspondentes ás actividades, incluído persoal, que é asumido pola Concellería de Benestar Social. O convenio estará en vigor ata o 31 decembro de 2003.

As actividades a desenvolver serán de apoio educativo (máis aló do apoio escolar), para grupos reducidos de nenos que o precisen, ademáis de actividades de lecer, fomentando a relación dos nenos con grupos de nenos que xa participan en actividades de lecer organizadas pola devandita asociación, ó longo de todo o ano.

Búscase así, traballa-los procesos de socialización, normalización e educativos no ámbito do lecer.

Datos xenéricos

Neste momento o Programa xenérico de atención á infancia ten abertos 170 expedientes, que atenden a algo máis de 260 menores (a intervención faise con tódolos menores da familia, aínda que o programa está centrado en menores entre os 7 e os 12 anos)

Os menores que se atenden no programa de lecer conveniado con Abertal, son arredor de 70 (para apoio educativo, actividades de lecer,..)

Os proxectos incluídos no Convenio con Abertal son os de Apoio Educativo, Actividades de Lecer, e, nalgún caso, Apoio Escolar.