Escoitar

Ofértanse as últimas prazas para matricularse no curso de ”Técnicas de dirección estratéxica”

mércores, 6 nov 2002
O curso ”Técnicas de dirección estratéxica e por obxectivos”, do Plan de formación para organizacións non lucrativas da Concellería de Participación Cidadá, mantén aberto o prazo de inscrición para membros de directivas e persoal asalariado dos colectivos vigueses. Esténdese a oportunidade de matrícula a tódolos socios ou colaboradores interesados nas cuestións de dirección de organizacións.

Durante 30 horas, o curso tratará temáticas e presentará ferramentas para a mellora dos procesos de planificación e para a adquisición de habilidades directivas en consonancia co marco participativo e democrático que caracteriza as asociacións sen ánimo de lucro.

A planificación e dirección estratéxica desenvolveuse no ámbito da empresa privada e da administración pública. Neste curso, preséntanse as súas posibilidades de aplicación no ámbito das organizacións non lucrativas, favorecendo a reflexión crítica sobre esta aplicación. Presentaranse tamén ferramentas novidosas que xorden dos propios movementos sociais e das súas necesidades de formular obxectivos e liñas de traballo comúns.

O curso impartirase en horario de 20:00 a 22:00 no Centro de Servicios Sociocomunitarios do Casco Vello (rúa Oliva, 12) entre o 15 de novembro e o 5 de decembro. O teléfono de información é o 986 126010.