Escoitar

Presentación festival VertixeVIGO'13

Hoxe martes 1 de outubro presentouse a primeira edición do festival VertixeVIGO'13, organizado por Musicadhoy S.L., Vértixe Sonora e o Instituto Galego de Sonoloxía; o festival, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas, inaugurarase mañá mércores día 2, ás 20:00 h, no espazo Sirvent (r/ Gran Vía, 129 ) e estenderase ata o 30 de novembro.

martes, 1 out 2013
1380631173cartelvertixe.jpg
VertixeVIGO é un programa de concertos e actividades que ofrece unha panorámica ampla e sen prexuízos da creación sonora internacional. Agrupada en diferentes bloques, a programación abrangue concertos de música contemporánea, música electrónica, música improvisada, instalacións sonoras, obradoiros especializados, cursos de achegamento ao sonoro, actividades de dinamización para os máis xóvenes, etc.

O festival sérvelles de plataforma de presentación aos novos creadores internacionais e permite establecer vínculos culturais que reforcen a nosa identidade nun marco globalizado, dando mostra, en tempo real, da rica diversidade que está a renovar o discurso das artes sonoras na nosa época, e na que VertixeVIGO quere desempeñar un activo protagonismo.

Organizado por Vertixe Sonora, un dos colectivos máis destacados na súa aposta pola música contemporánea e polo diálogo e a confluencia entre a música e as artes, VertixeVIGO conta coa colaboración de diversas institucións culturais da cidade e a inquedanza de patrocinadores privados que comparten un compromiso por establecer sinerxias de financiamento, que permitan ofrecer contidos culturais de calidade cun aproveitamento máximo dos recursos económicos.

VertixeVIGO responde así á necesidade de construír novas experiencias destinadas ao público xeral e ao mesmo tempo propoñer alternativas culturais cun valor engadido, para unha cidade identificada dende sempre coa vangarda cultural en Galicia.

Todos os concertos serán de balde, con entrada libre ata completar aforamento.
Descargar todas as imaxes

Máis información