Escoitar

Todos os grupos apoian a anulación das sancións aos emigrantes retornados que non tributaron polas pensións do exterior

BNG e PSOE presentaron hoxe sendas mocións en apoio aos veciños e veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria. Os dous textos aprobados, que se debatiron e aprobaron por separado, contaron coa apoio do PP.

luns, 30 set 2013
O texto defendido polo BNG aboga por instar á Xunta a establecer menanismos para prestar asesoramento aos afectados, ao tempo que reclama ao Goberno do Estado a anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Tributaria e que lles notificaron nos últimos meses a galegos beneficiarios de pensións no estranxeiro por non tributar. O texto inclúe a petición dunha campaña de información, anulando todos os requerimentos relativos aos exercicios comprendidos entre 2008 e 2012. Tamén solicita a revisión dos convenios marco con outros países para evitar que a situación se repita.

No mesmo senso e tamén por unanimidade, deuse luz verde a unha moción socialista que insta ao Goberno a axilizar os mecanismos legais e dar resposta positiva ás alegacións presentadas polos pensionistas retornados que están recibindo requerimentos da Axencia Tributaria. O texto puntualiza que existen convenios para evitar a dobre imposición que ata outubro de 2012 eximía ás pensións públicas estranxeiras tributar en España.