Escoitar

Inauguración da exposición "Espiñas Coroadas" de Lito Portela

O vindeiro venres 10 de maio inaugurarase na Fundación Laxeiro (3º andar da Casa das Artes, r/ Policarpo Sanz, 15), coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas, a exposición "Espiñas coroadas", do artista Lito Portela (Moaña, 1958), que amosa a súa reflexión sobre a natureza, as persoas e o estranamento destas ante o mundo que nos rodea e nos acolle.

xoves, 9 mai 2013
1368096164laxeirocoroadas.jpg
"Espiñas coroadas" é un proxecto escultórico sinxelo na súa formulación expositiva, que, a través de tres pezas rotundas, a medio camiño entre o hiperrealismo e a poesía e utilizando os recursos da tradición minimalista, propón un espazo limpo, de encontro das persoas coa realidade que as rodea e que, frecuentemente, resulta absurda e inintelixible.

Espiñas coroadas significa un fito na traxectoria de Lito Portela. Un fito no que a súa linguaxe escultórica abandona preocupacións construtivas, características na súa obra para espazos públicos, para centrarse nunha linguaxe orgánica, na que manexa con mestría os códigos da representación realista, para transcendelos e propoñer, como di o comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez, "unha realidade-outra, paralela ao mundo real, que se carga dunha indubidable aura poética e que acaba por constituírse en signos vitais".

Para levar adiante este proxecto, ademais desta utilización dos códigos da mímese, Lito Portela manexa con acerto, recursos expresivos do minimalismo, como o xogo de escala e o diálogo co espazo arquitectónico, que o autor integra mediante a intervención nos panos expositivos, ademais dunha eficaz austeridade morfolóxica, materializada na monocromía das pezas e na súa instalación na sala, sen máis recurso que a súa propia materialidade, sen peañas, urnas, vitrinas ou calquera outro elemento propio da retórica da exhibición escultórica.

Este traballo, que xa fora exposto en 2012 na sala Alterarte do Campus de Ourense, amosa na Fundación Laxeiro unha parte anovadora ao incorporar un capítulo non visto ata agora, como é o seu proceso de xestación, engadindo unha parte de reflexión do artista sobre o seu propio traballo que resulta, sen dúbida, útil para o autor, polo que implica de reformulación, ademais de ilustrativa para o espectador por ese interese engadido de acceso aos momentos previos ao resultado final.

A exposición permanecerá aberta ata o 14 de xullo.
Descargar todas as imaxes

Máis información