Escoitar

O alcalde de Vigo rebaixou nun 35 % o seu salario nos últimos cinco anos

O alcalde de Vigo ten "seguramente" o salario máis baixo de todos os rexedores das grandes cidades de España, segundo afirmou Cabellero hoxe martes nun encontro cos medios de comunicación no que concretou unha rebaixa do 35% das súas retribucións desde que dirixe a cidade. Cualifica o seu salario de "moi digno" e apuntou sentirse "moi ben retribuido".

martes, 4 set 2012
O salario do alcalde de Vigo é "seguramente o máis baixo dos rexedores das grandes cidades de España" indicou hoxe martes Abel Caballero nunha comparecencia na que afirmou que nos últimos anos rebaixou as súas retribucións nun 35% , ata os 60.000 euros brutos, recalcando que "teño un salario moi digno e síntome moi ben retribuído". Logo de contrapoñer esta actitude á da alcaldesa de Mos, unha localidade de 15.000 habitantes, quen se aumentou o soldo nun 33%, Caballero apuntou que "é un momento no que os cargos públicos teñen que amosar austeridade para estar acorde á situación económica que atravesa o país"

Caballero lembrou que o Goberno municipal ten 7 exclusivas e media, e a oposición 6 e media, mentres que noutras ciades, como A Coruña, a oposición ten unha soa exclusiva e o goberno "moitos máis liberados que Vigo". Respecto do persoal de libre designación, Vigo "volve dar exemplo" porque, entre asesores e auxiliares o Goberno municipal ten 7 e a oposición, 8, mentres que na Coruña, detallou, o executivo local conta con 19 asesores.