Escoitar

O Pleno debatirá unha moción que insta á Xunta a derogar o decreto que sube o canon da auga<br /> <br />

O concelleiro de Fomento, David Regades, presentará no próximo Pleno municipal unha moción na que solicita á Xunta a derogar a lei que grava o consumo de auga. Esta subida, explicou, supón un incremento dun 38% no canon que ata o de agora cobraba o Goberno autonómico.

luns, 3 set 2012
1346676388mosqueteros.JPG
Tal e como explicou o responsable municipal de Fomento nun rolda de prensa conxunta cos conceleiros Santos Héctor e Carlos Font, o pasado 1 de xullo entrou en vigor o canon de auga e o coeficiente de vertedura creados pola lei 9/2010 de 4 de novembro, de Augas de Galicia "o que supón un incremento moi importante no canon de auga dos particulares e dos industriais". David Regades apuntou que o incremento supón un 38% máis na cuantía que ata o de agora cobraba a Xunta e unha suba do 6% nos recibos dos vigueses, "un aumento irresponsable que debe ser derogado polo Goberno de Feijóo". Regades contrapuxo esta decisión coas que ven de tomar o Goberno municipal en aforro de auga o que permitiu, explicou, reducir o consumo na cidade nun 11,5%, o equivalente a unha poboación duns 50.000 habitantes.

Na mesma comparecencia de prensa, Santos Héctor presentou outra das mocións que o grupo municipal socialista presentará no próximo Pleno, neste caso instando á Deputación e á Xunta de Galicia a que realicen en Vigo os investimentos que, de xeito reiterado, se lle demandan para o deporte. Segundo avanzou o concelleiro e deputado provincial, o organismo provincial ven de aprobar uns orzamentos para 2012 de 152 millóns de euros nos que non existe unha soa partida específica para o municipio de Vigo. Pola contra, detallou, si son coñecidas nas áreas de deporte os investimentos da Deputación no campo municipal de Pontevedra para o que aportaron 20 millóns de euros. Outro dos exemplos de marxinación que esgrime a moción é o recente paso da Volta ciclista a España pola provincia de Pontevedra, que non deixou nin un minuto de retransmisión televisiva nin unha soa pernoctación na cidade.
Descargar todas as imaxes