Escoitar

A Comisión de Seguimento do PXOM seguirá reuníndose ata a aprobación inicial do plan

mércores, 16 out 2002
A Comisión municipal de seguimento dos traballos de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal seguirá reuníndose ata o momento en que se produza a aprobación inicial do documento. A comisión, integrada polos voceiros de cada grupo político no Consello da Xerencia de Urbanismo, manterá o proceso de análise e debate de cada unha das propostas recollidas no Avance do PXOM.

Onte rematou o prazo para a presentación de suxerencias ao documento de Avance do PXOM. Unha vez esas suxestións estén clasificadas, a comisión municipal encargarase de analizalas e debater a conveniencia de incorporalas ao Plan. Para iso manterá o seu calendario de xuntanzas semanais ata a conclusión dos traballos de redacción do documento que será sometido a aprobación inicial. Con este método de traballo téntase facilitar a participación de todas as forzas políticas con representación no Concello no proceso de elaboración do PXOM de Vigo.

A idea é a de que o novo documento de planeamento sexa o resultado do máximo consenso posible entre os grupos políticos e os axentes sociais da cidade. O calendario de elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo prevé que a principios de 2003 esté rematado o proceso de redacción e exista un documento preparado para ser sometido á aprobación inicial do pleno da corporación municipal. Cumrprido ese trámite abrirase o correspondente periodo de alegacións previo á aprobación definitiva.