Escoitar

Inicio do curso ”Conflicto e convivencia nos centros educativos”

martes, 15 out 2002
Entre as numerosas actividades previstas neste curso 2002-2003 no programa municipal ”Aprender a convivir” da Concellería de Educación, comeza no Instituto Politécnico de Vigo a terceira edición do curso inicial de formación para o profesorado ”Conflicto e convivencia nos centros educativos”. Neste curso traballaranse diversas formas de tratar os conflictos e favorecer a convivencia nos centros de ensino.

O curso ten unha duración de 30 horas e será impartido durante dous meses, de outubro a novembro, por Xesús R. Jares, Hipólito Puente, Elixio Domarco, Mercedes Oliveira e Carmen Loureiro, expertos de renome nestas cuestións. Será un curso fundamentalmente práctico no que se tratarán, entre outros temas, as estratexias para resolver os conflictos, a creación de grupo, as prácticas para favorecer a autoestima, o plano de acción titorial ou cómo mellorar a afectividade e as relacións interpersoais nos centros educativos e, por ende, na sociedade.

É de destacar que, igual que nas dúas edicións anteriores, se cubriu a totalidade das prazas ofertadas tendo que rexeitarse numerosas peticións de profesores e outros profesionais. Isto pese a que a Concellería de Educación ampliou en cinco prazas máis as ofertadas no curso pasado, chegando a un total de 35. Déuselle prioridade, tal como aparecía na convocatoria, ao profesorado que pertence a algún dos 28 centros inscritos no programa. Igualmente, chegaron peticións doutros profesionais non ligados directamente á educación pero no que os conflictos forman parte da actividade profesional diaria.

A concelleira de Educación, Ana Gandón, invita o profesorado e a todas as persoas interesadas nesta temática a participar nas primeiras xornadas municipais ”Aprender a convivir” que se realizarán no mes de marzo.