Escoitar

O Concello consegue indemnizacións para os asistentes á festa ilegal do Hotel Samil

martes, 15 out 2002
imx1866.jpg
Santiago Domínguez
O concelleiro de Sanidade e Consumo, Santiago Domínguez, amosou a súa satisfacción pola sentencia que condea tanto aos organizadores como á empresa HUSA a indemnizar os asistentes á festa de fin de ano desenvolvida hai tres anos no Hotel Samil. O Concello presentara unha demanda xudicial en defensa dos dereitos dos asistentes á devandita festa, que se sentiron estafados pola organización.

O Concello afrontou decididamente a defensa dos consumidores a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor. Os beneficiarios da indemnización serán 1.650 persoas que percibirán cada unha 114 euros (42 polo prezo da entrada e 72 por danos e prexuízos). Os organizadores e a empresa hostaleira terán que abonar, de forma solidaria, 186.313 euros (31 millóns de pesetas).

O Concello seguirá vixiando e controlando aqueles eventos que poidan ocasionar un dano serio para os asistentes, polo que o resultado desta sentencia debe ser tido en conta polos organizadores de festas xa que se actuará cando se comprobe se existe un incumprimento das normativas municipais e dos dereitos do consumidor.

Domínguez sinalou que as probas achegadas como unha reportaxe fotográfica e un vídeo realizados pola Policía local no momento dos feitos foron determinantes no resultado da sentencia. Así mesmo, felicitou os funcionarios da OMIC que recibiron durante semanas unha media de 100-150 afectados diariamente e o avogado Carlos Borrás que defendeu, de maneira gratuíta para os afectados, os seus dereitos co resultado dunha sentencia favorable.

A sentencia determina que ”a aglomeración de persoas nunhas instalacións inadecuadas para o aforo vendido produciu o colapso da súa organización e a quebra dos seus servicios e espectáculos, dando lugar a un auténtico fraude de lei”.

”Os organizadores estaban advertidos polas circulares e avisos do Concello de que non se podía utilizar maior superficie da asignada. A celebración da festa desde o punto de vista da regulamentación de espectáculos era ilegal con risco de peche e non autorización”, explica a sentencia.
Descargar todas as imaxes