Escoitar

Abel Caballero anuncia que o deporte local será a "terceira prioridade" do seu goberno nos orzamentos de 2013

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe luns ante entidades deportivas locais o seu compromiso con elas para a tempada 2012/2013, que oficialmente empeza en setembro, e situou a este sector da sociedade como a terceira prioridade municipal para os orzamentos de 2013, que ordenou desenvolver dende hoxe mesmo.

luns, 27 ago 2012
1346072795xogo.JPG
"Din instrucións á concelleira de Facenda, Raquel Díaz, para que elabore os orzamentos de 2013. A primeira prioridade é o emprego, a segunda é a política social e no terceiro lugar vai o deporte", dixo o rexedor, nun acto con representantes duns 60 clubs da cidade no que ademais se explicou que a nova imaxe da actividade deportiva estará centralizada en dúas mensaxes, "Vigo, terreo de xogo" e "Eu son o deporte, eu son Vigo". Para Caballero, "o deporte irá no mascarón de proa da cidade" e, "a pesares das circunstancias actuais", confesouse optimista: "Xuntos imos ir razoablemente ben".

O alcalde indicou que "o deporte é un elemento central nunha cidade e o goberno municipal ten vocación de apoialo ata o límite das posibilidades". O xefe do goberno vigués lembrou que "neste momento hai moitos concellos con problemas", ao tempo que esgrimiu que "a situación do Concello vigués é menos complexa porque é o máis saneado de España", pero tamén advertiu que "non imos pór en risco as finanzas do Concello". Por iso pediu ás entidades presentes "solidariedade e saber onde nos desenvolvemos", manifestando tamén que "en 2013 vai ser complicado incrementar as axudas ao deporte aínda que a esponsorización privada non vai ben".

Durante o acto, o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, explicou que o investimento en deporte, uns 12 millóns de euros, "segue merecendo o esforzo e o compromiso municipal". O concelleiro comprometeu o seu empeño en optimizar ao máximo os recursos (subvencións) e informatizar a xestión deportiva (IMD), e ademais comunicou que dende mañá haberá unha campaña publicitaria na cidade, que inclúe 60 mupis e as fachadas dos pavillóns deportivos das Travesas, Bouzas e O Berbés, na que se porá en valor o deporte local.

No transcurso da súa intervención, o primeiro edil tamén fixo referencia a que pretende que "ninguén quede no camiño" e pediu aos dirixentes que abandonen o pesimismo. "Traballemos todos xuntos pero sabendo que a situación é difícil, aínda que en Vigo vai ser menos difícil que noutros municipios do resto de Galicia ou de España"; dixo o alcalde. E mantivo que o seu desexo é "que Vigo sexa a cidade do deporte".
Descargar todas as imaxes